O seguimento da folga da CIG en Primaria roza o 1,7 %, segundo Sanidade
Caamaño condena o peche "forzado" de 17 centros de saúde en Ferrol
O seguimento da folga en atención primaria convocada pola CIG rolda o 1,72% na quenda de tarde deste xoves, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade. Na quenda de mañá deste xoves fora do 1,51 %.
Por áreas, o respaldo foi do 0,93% na da Coruña e Cee; do 4% na de Ferrol; do 1,54% na de Santiago de Compostela e Barbanza; do 0,65% na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; do 1,4% na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; do 0,77% na de Pontevedra e O Salnés; e do 2,52% na de Vigo.
Quenda de mañá
Pola mañá, o seguimento na área sanitaria da Coruña e Cee foi do 0,90 %; na de Ferrol, 2,65 %; na de Santiago de Compostela e O Barbanza, 1,74 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 0,65 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 1,17 %; na de Pontevedra e O Salnés, 1,91 %; e na de Vigo, 2,01 %.
Indican tamén que o número total de persoal participante na folga no conxunto das sete áreas sanitarias foi de 85, dos que oito corresponden á área coruñesa; 16 á de Santiago de Compostela e Barbanza; 11 á de Ferrol; cinco á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 10 á de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 11 á de Pontevedra e O Salnés; e 24 á de Vigo.
A consellería destaca que a CIG "é a única forza sindical" que non se sumou ao acordo para a reforma integral da Atención Primaria que o departamento sanitario negocia xa con outras seis forzas sindicais.
Caamaño condena "acto vandálico" en Ferrol
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mostrou esta mañá o seu respecto ao dereito á folga e manifestación, pero tamén expresou a súa "máxima repulsa" fronte aos actos "vandálicos" ocorridos na área de Ferrol.
Segundo explicou, un peche "forzado" de 17 centros de saúde -que apareceron coas fechaduras das portas bloqueadas-, que supón "un acto claro de vandalismo sanitario".
"Supón, sen dúbida, un atentado contra un patrimonio global como é o sistema sanitario público. Un atentado tamén contra os dereitos dos galegos para ser atendidos nos seus centros de saúde", afirmou.
A CIG ilustra nunha concentración a "morte" da atención primaria
Na mañá deste xoves, CIG-Saúde convocou unha concentración fronte á sede da consellería, simulando un enterro, para ilustrar a "morte" da atención primaria. Varias decenas de persoas participaron na concentración, cun cadaleito e un cura que representaron o enterro do servizo.
"Se a Primaria cae, cae todo o sistema sanitario. O que queremos é que se garanta unha atención de calidade, con tempo e recursos", denuncian.
Unha vez máis, opuxéronse ao decreto que modifica os horarios de atención nos Puntos de Atención Continuada (PAC), solicitando ademais máis profesionais para todas as categorías, límite de axendas, mellores condicións laborais e retributivas, e menos burocracia. "Non pedimos privilexios, pedimos condicións dignas", afirmaron.
Aínda que recoñeceron que na reunión deste mércores houbo avances, non se conseguiron "compromisos firmes", polo que avanzan que continuarán "na loita".