Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump acusa á UE de violar o pacto comercial e elevará ao 25 % o arancel aos coches

Trump acusa á UE de violar o pacto comercial e elevará ao 25 % o arancel aos coches

Non está claro baixo que autoridade Trump elevará os aranceis á UE, despois de que o Tribunal Supremo lle invalidase en febreiro gran parte dos que xa fixara

Rober Solsona / Europa Press Rober Solsona / Europa Press
G24.gal 01/05/2026 18:41

 O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, acusou este venres á Unión Europea (UE) de incumprir o pacto comercial negociado con Washington e anunciou que como consecuencia diso, elevará ao 25 % o arancel aos coches e camións fabricados polo bloque comunitario.

"Compráceme anunciar que, dado que a Unión Europea non está a cumprir co noso acordo comercial, o cal foi plenamente pactado, a próxima semana aumentarei os aranceis aplicados á Unión Europea sobre os automóbiles e camións que ingresan aos Estados Unidos. O arancel elevarase ao 25%", escribiu Trump na súa rede Truth Social.

Trump insistiu en que "queda plenamente entendido e acordado que, se fabrican os automóbiles e camións en plantas situadas nos EUA, non se aplicará ningún arancel".

"Actualmente hai moitas plantas de automóbiles e camións en construción, cun investimento superior aos 100.000 millóns de dólares; unha cifra récord na historia da fabricación de vehículos. Estas plantas, dotadas de traballadores estadounidenses, abrirán as súas portas moi pronto", engadiu.

O mandatario estadounidense celebrou que "nunca antes se vira nada igual ao que está a suceder hoxe nos Estados Unidos!", en referencia aos compromisos de investimento dos países cos que Washington pechou acordos comerciais en busca dunha rebaixa dos chamados aranceis "recíprocos" que impuxo.

Non está claro baixo que autoridade Trump elevará os aranceis á UE, despois de que o Tribunal Supremo lle invalidase en febreiro gran parte dos que xa fixara, co que desmontou o esquema arancelario utilizado na súa guerra comercial contra os socios dos EUA.

Tras este revés, o presidente estadounidense impuxo un novo arancel global temporal do 10 % baixo un novo marco legal, que teoricamente deberá ser estendido polo Congreso en xullo.

A mediados de 2025, ambas partes alcanzaron un acordo polo cal a UE aceptaba un arancel do 15 % para a maioría de produtos europeos a cambio de que os EUA exporten a maioría dos seus ao 0 %.

O pacto comercial aínda está pendente de ratificación por parte de Bruxelas, despois de que o Parlamento Europeo pedise unha serie de salvagardas que permitan suspender a súa implementación se Trump ameaza con novos aranceis ao bloque comunitario ou pon en risco a súa integridade territorial, como ocorreu en xaneiro durante a crise diplomática polo control da illa de Groenlandia, de soberanía danesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade