A veciñanza da aba do monte Pedroso desespera cos atrasos na obra da senda peonil
As obras tiñan un prazo de execución de nove meses, e van para dous anos sen rematarse
A Deputación explica que paralizou as obras á espera de que Telefónica recoloque os postes que invaden o trazado
O proxecto dunha senda peonil entre a zona urbana de Santiago e a parroquia de Figueiras, na aba do monte Pedroso, era unha necesidade e unha ilusión entre a veciñanza. Pero a ilusión vai esmorecendo: as obras arrancaron en novembro de 2023 e -din- convertéronse no conto de nunca acabar.
"Levamos un atraso de anos, voume facer vella e isto non se dá rematado", lamenta unha veciña. "Estamos desesperados -di outra-, non hai nin por onde pasar entre as obras".
O caso é que as obras comezaron con seis meses de atraso, e xa pararon dúas veces. A Deputación da Coruña, responsable do proxecto, explica que tiveron que paralizalas á espera de que Telefónica retire varios postes que invaden o trazado. Lamentan que a empresa estea "ralentizando investimentos públicos e xerando molestias innecesarias" non só neste caso, senón en "múltiples obras da provincia".
Pero na Asociación de veciños Aba do Pedroso perden a paciencia: esixen que se retomen as obras e que -en todo caso- volvan sobre elas cando se retiren os postes de telefonía. De momento, van cansos de convivir con beirarrúas e muros a medio facer. Iso nos núcleos de poboación, pero a situación non mellora nas zonas de estrada: custa distinguir a senda peonil do carril de circulación de vehículos.
"Non teñen separación, parece unha ampliación da estrada", di un veciño. "É fácil atopar coches e motos invadindo ese carril", di outro. "É unha trampa mortal para os peóns", denuncia Emilio Santos, presidente da asociación Aba do Pedroso.
Alertan dos riscos que ten circular pola reservada os peóns, e esixen reforzar as medidas de seguridade que están previstas no proxecto.
"A zona peonil quedará delimitada con separadores horizontais, moi pouco visibles para os condutores, que non abondan para a seguridade -di-. Queremos que pinten a calzada doutra cor, e que instalen elementos verticais de separación", conclúe.
A obra leva parada dende maio, e esixen que se remate para dar un servizo esencial na zona. Son dous quilómetros e medio de trazado, de momento sen data fixada de finalización.