Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 350 tractores marchan sobre Madrid en protesta contra Mercosur e a PAC

Máis de 350 tractores marchan sobre Madrid en protesta contra Mercosur e a PAC

A protesta reúne uns 2.500 agricultores e gandeiros chegados desde toda España

Gandeiros da Suprema e Agromuralla levan uns 40 tractores a Madrid e mobilizan unhas 200 persoas

Tractores no centro de Madrid (EFE/Kiko Huesca). Imaxe en directo: Reuters.
G24.gal 11/02/2026 10:34 Última actualización 11/02/2026 16:38

Uns 2.500 agricultores e 367 tractores protestaron este mércores desde a praza de Colón de Madrid na convocatoria de Unión de Unións e de Unión Nacional de Asociacións do Sector Primario Independentes (Unaspi) para mostrar o seu rexeitamento contra o acordo entre a UE e Mercosur e os recortes da Política Agrícola Común (PAC).

Estas son as cifras da Delegación do Goberno, as cales os convocantes, Unión de Unións e a Unión Nacional de Asociacións do Sector Primario Independentes (Unaspi), elevan ata 8.000, nunha marcha que partía de varias columnas que se uniron na Praza de Colón de Madrid.

Os tractores desprazáronse en cinco columnas: pola ruta sur entraron 82 tractores; 73 desde Castela-A Mancha; 100 desde Castela e León; 56 polo norte; e 37 polo Levante, vixiados por un dispositivo de máis de 1.800 axentes.

A protesta, que tivo réplicas en diferentes puntos de España, como Logroño ou Mérida, conseguiu reunir a 2.500 manifestantes en Madrid, de acordo aos datos oficiais da Delegación do Goberno. As organizacións convocadoras cifraron en arredor de 8.000 as persoas que chegaron ata a capital española para protestar.

Debido a esta protesta a DXT recomenda desprazarse en transporte público tamén ante a afectación ao tráfico previsto dentro da cidade.

O acto comezará ás 11:00 horas en praza de Colón e percorrerá o eixe Recoletos-O Prado ata chegar á sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación onde os convocadores lerán varios comunicados coas súas reivindicacións.

Entre elas, rexeitan os termos en que se asinou o acordo de libre comercio entre a UE e os países do Mercosur, queren alzar a voz contra o problema da substitución xeracional e opóñense tamén ao recorte de fondos previstos para a próxima Política Agrícola Común (PAC).

Gandeiros da Suprema e Agromuralla moven máis 200 gandeiros e 40 tractores a Madrid

A asociación Gandeiros Galegos da SupremaAgromuralla fretaron catro autobuses que este mércores desprazaron a Madrid a decenas de gandeiros galegos, ademais dos que viaxaron en coches particulares, para protestar contra o tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur.

Así llo confirmou a EFE desde a capital de España o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, quen tamén explicou que ambas as asociacións, as dúas que convocaron as tractoradas que se prolongaron durante máis de dez días no centro de Lugo, desprazaron tamén a Madrid “entre 30 e 40 tractores”.

Gandeiros Galegos da Suprema agrupa a produtores de carne de Tenreira Galega Suprema, mentres que Agromuralla é unha organización formada por gandeiros de leite das provincias de Lugo e A Coruña.

En canto aos vehículos agrícolas, precisou que foron transportados "en camións góndola" ata a capital de España para participar na tractorada que pretende colapsar as rúas da cidade para protestar contra o acordo comercial.

“Vimos a Madrid a lanzar outro berro de guerra”, dixo Rego, contra “un acordo comercial que é unha puñalada ao rural de Galicia”. “Teñen que entender que non queremos ese tratado e que non o poden levar adiante”, sinalou.

O campo "ten moito en xogo"

En Madrid, o coordinador estatal de Unión de Unións, Luis Cortés, reiterou este mércores que o acordo comercial co Mercosur "non é un bo acordo" porque se compite sen igualdade e de forma desleal, ademais, criticou que os partidos políticos "están a permitilo".

"Xogamos moito (...) e olliño!, fago un chamamento aos consumidores. Hoxe sabemos que se compramos un filete, ese filete é san, pódese comer. A partir do ano que vén, se se asina este acordo, ese filete de tenreira poderá estar hormonado", alertou.

Cortés expresado tamén o seu rexeitamento ás cláusulas de salvagardas aprobadas este martes polo Parlamento Europeo e puxo o exemplo doutras que xa están en vigor e que, ao seu xuízo, non se cumpren, como o caso do arroz.

Aproveitou para lembrar ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, o incumprimento do acordo asinado coa organización.

Para o presidente de Unaspi, Miguel Ángel Aguilera, o acordo de Mercosur é a "o golpe de morte" que vai acabar co sector primario e que, a parte de afectar o campo, tamén terá un impacto nos cidadáns: "Vai afectar directamente", avisou.

Sánchez insta os agricultores a crer no acordo porque o ve "extraordinario" para España

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, instou este mércores aos agricultores españois a confiar e crer no acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, pois considera que este supón unha "extraordinaria noticia" para Europa e para España.

Durante a súa comparecencia no Congreso para dar conta de diversos asuntos internacionais, o xefe do Executivo dedicou parte da súa intervención para valorar o acordo con Mercosur. "Despois de máis de 20 anos, o que a Unión Europea fose capaz de asinar un acordo importante cos países do Mercosur, é unha extraordinaria noticia para Europa, sen dúbida tamén o é para España", subliñou o presidente desde a tribuna do Congreso.

A continuación, o xefe do Goberno dixo que é consciente das dúbidas e preocupacións que poidan ter os agricultores pola entrada de produtos de países do Mercosur no Vello Continente, pero enxalzou as cláusulas de salvagarda aprobadas no Parlamento Europeo que permitirán dificultar ou suspender a entrada deses produtos "se se considera que poida danar dalgún modo" aos produtores comunitarios.

Sánchez tamén expuxo que a Unión Europea ten que profundar no seu mercado interior en termos comerciais e lanzarse a acordos con outras rexións do mundo nun momento no que a administración de Estados Unidos rompe "unilateralmente acordos comerciais".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade