Repsol recupera o control da súa producción en Venezuela
A compañía está preparada para aumentar nun 50 % a produción bruta de petróleo nun ano e triplicala nos próximos tres
Logo de Repsol nunha gasolineira de España (REUTERS/Borja Suarez)
Repsol asinou un acordo co Ministerio de Hidrocarburos de Venezuela e coa compañía estatal Petróleos de Venezuela (PDVSA) que lle permitirá retomar o control das operacións e incrementar a produción de petróleo en Petroquiriquire (60 % PDVSA e 40 % Repsol), baixo o Acordo Marco asinado en 2023.
O director xeneral de Exploración e Produción de Repsol, Francisco Gea, asegurou que este acordo subliña o compromiso de Repsol con Venezuela, onde operan ininterrompidamente desde 1993. Ademais, declarou que contan cos activos, capacidades técnicas, operativas e humanas sobre o terreo para aumentar a produción no país.
Segundo informou a enerxética española nun comunicado, o Acordo Marco do 2023 estableceu as condicións necesarias para avanzar no cumprimento das metas de produción, suxeito á programación de cargamentos de crus pesados por parte de PDVSA equivalentes á produción de Petroquiriquire. Ademais, preveuse o mecanismo para a ampliación da duración das concesións do xacemento de Petroquiriquire e incorporáronse os campos Tomoporo e La Ceiba.
O conselleiro delegado de Repsol Josu Jon Imaz adiantou que a compañía está preparada para aumentar nun 50 % a produción bruta de petróleo nun prazo dun ano e triplicala nos próximos tres.
Así mesmo, o mes pasado, Repsol e a compañía italiana ENI asinaron outro acordo estratéxico coas autoridades venezolanas e PDVSA para garantir a sustentabilidade da produción de gas natural durante todo 2026 no activo Cardón IV. Este acordo utoriza a Repsol e ás súas subsidiarias a participar en transaccións vinculadas ás operacións de cru e gas en Venezuela co goberno venezolano, PDVSA e as súas entidades afiliadas.