Publicador de contidos

Publicador de contidos

O carné para coches automáticos aumenta de marcha

O carné para coches automáticos aumenta de marcha

Increméntase o número de condutores que mercan vehículos sen cambio manual

As autoescolas tamén notan o medre de alumnos que piden obter o permiso de coches exclusivamente automáticos

G24.gal 31/05/2026 10:56

Hai vinte anos a maioría dos coches obrigaban a pelexar cun embrague e cunha panca para aproveitar a forza do motor. Actualmente as estimacións do sector apuntan a que a metade dos turismos á venda xa contan cun cambio automático, sen intervención do condutor, e a tendencia avanza imparable porque os coches eléctricos ou híbridos xa só ofrecen esa tecnoloxía.

"Probablemente os cambios manuais sexan testemuñais ou para outro tipo de actividades. Pero o que temos agora mesmo, e iso temos que asumilo, vai ir asociado a un cambio automático", comenta Manuel Tanoira, xefe de vendas do concesionario Compostela Móbil.

Hai anos cambiar de marchas manualmente nun coche era máis efectivo, económico e fiable fronte a engrenaxe electrónica. A tecnoloxía mudou o conto

"A xente está encantada. É moi doado adaptarse a un cambio automático. "Se probas un automático non vas volver nunca a un manual", por comodidade", afirma Manuel Tanoira.

O automatismo electrónico nos coches tamén se está a reflectir nas autoescolas onde aumentan os alumnos que se acollen ao permiso de código 78, que habilita exclusivamente para guiar vehículos con cambio automático

"A xente que vén de fóra e a de máis idade é quen o pide. A xente de aquí, nacional, que pide eses permisos é a máis nova e a que ten os seus pais con coches automáticos na súa casa", aclara José Antonio Calviño, profesor de Formación viaria na autoescola Santa Eulalia de Santiago de Compostela. 

Un permiso, o de coches automáticos, que ofrece unhas vantaxes fixas para os alumnos. 

 "Un alumno que necesita trinta prácticas nun coche manual, posiblemente con quince ou vinte prácticas posiblemente lle cheguen. É porque ten que fixarse moito menos na caixa de cambios, no embrague, non se lle vai calar... entón dálle máis tempo a mirar a sinalización", comenta o profesor da autoescola Santa Eulalia, José Antonio Calviño.

Diante do avance dos coches automáticos a Unión Europea prevé cara 2029 que este carné restrinxido tamén sirva para guiar turismos manuais mediante un reducido curso de sete horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade