Cheché Real: “Non vemos a necesidade de poñer unha taxa turística, dá mala imaxe”
O presidente de Hostalería e Turismo de Galicia cre que os turistas que veñen en grupos optarán por outros destinos
Cheché Real suliña que os logros deportivos dos equipos galegos teñen un impacto positivo nos negocios de hostalería e turismo
Pide diferenciar entre absentismo laboral e ausentismo, un problema que considera moi grave
O presidente de Hostalería e Turismo de Galicia non considera necesaria a implantación da taxa turística que acaba de aprobar o concello de Vigo e que xa aplican os de Santiago e da Coruña.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Cheché Real, explicou que non se opoñen ó gravame porque é unha cuestión que compete ás administracións e augura que a implementarán máis concellos. Tamén pide que a taxa repercuta no sector hoteleiro.
“Non estamos dacordo nin en desacordo porque é unha cuestión das administracións locais, dos concellos, pero non vemos a necesidade de poñer esta taxa turística…En que se vai empregar este imposto? O lóxico é que repercuta tamén no noso sector, non?”.
Cheché Real admitiu que a taxa turística non disuadirá aos turistas de vir a Galicia se ben vaticinou que si pode afectar aos visitantes que veñen en grupo.
“Ao mellor hai grupos que decidan ir a outro lado. Son realista e penso que ninguén se vai botar atrás porque lle poñan unha taxa de un euro, 50 céntimos ou dun euro e medio pero non dá a imaxe que debería dar”.
O responsable de Hostalería e Turismo de Galicia lamentou a falta de diálogo co sector e suliñou que “aquí o turismo non nos sobra” se ben admitiu que se están acadando porcentaxes de visitantes nunca antes vistas.
Cheché Real asegurou que Galicia está lonxe de sufrir unha saturación de turistas pero reclamou tomar nota do que acontece noutros puntos de España.
“Estamos moi lonxe, moi lonxe da saturación pero hai outros puntos de España nos que hai ese problema. Non cometamos os mesmos erros aquí. Esa falta de vivendas de alugueiro que se lle achaca ao turismo. Todos sabemos o que está a acontecer. En moitos casos non hai vivendas en alugueiro e noutros están a destinarse para usos turísticos. Iso si pode ter consecuencias absolutamente negativas na boa imaxe de acollida que temos en Galicia”.
O responsable de Hostalería e Turismo de Galicia tamén suliñou o papel do deporte profesional na atracción de turismo, en referencia ás celebracións tralo ascenso do Deportivo da Coruña á Primeira División.
“Nós non temos datos pero temos ollos na cara e sabemos a importancia que ten o deporte no mundo do turismo, no desprazamento e na presenza de xente cando hai partidos importantes e non che digo se xa son de rivalidade”.
Aeroportos
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Cheché Real apostou por centralizar os voos no aeroporto de Santiago e por destinar as terminais de Alvedro e Peinador ás viaxes de negocios.
Admitiu que facerlle fronte ao aeroporto de Sá Carneiro é moi difícil e ironizou con que o de Porto “é o mellor aeroporto de Galicia”.
“Habería que facer un aeroporto central que para min debería ser o de Lavacolla, o de Santiago, e logo ter o de Alvedro e o de Vigo inclinados máis cara o negocio, cunhas lanzadeiras…Funcionemos como un aeroporto só, cuns apéndices”.
Absentismo laboral
Cheché Real recalcou a conveniencia de diferenciar entre absentismo laboral e ausentismo “que é máis grave”.
“É tremendo. Hai empresas con 200 traballadores que teñen a metade de baixa. Isto é unha barbaridade. Imaxina nunha empresa con catro ou cinco traballadores. O dano económico e de imaxe que se lle fai aos negocios é tremendo”.
Engadiu que tanto as administracións como o sector privado están a buscar solucións pero admitiu que se trata dunha cuestión difícil porque son os médicos os que dan as baixas.
“Aquí un pode coller as baixas cando quere. Baixas que, ademais son moi sui generis, nunca son por algo concreto senón que son un pouco así. Pero esas baixas dáas un profesional da sanidade. É unha cuestión difícil porque aquí está a empresa pero tamén está o sanitario. Claro que hai un problema”.
Profesionalización da hostalería
Cheché Real apostou por profesionalizar a hostelería de maneira que só un titulado na materia poida abrir un establecemento.
“Temos que chegar a un momento no que non poida abrir un establecemento de hostelería calquera senón un profesional”.
Explicou que esta actividade require dun profesionais que saiban manipular alimentos, que o fagan con limpeza e con seguridade para evitar que, como aconteceu na pandemia, o sector peche por completo.
Ademais, engadiu, hai que dar saída as persoas que se están a formar nas escolas superiores de hostelería.
Con respecto ás previsións de cara o verán e ao vindeiro Ano Santo, o presidente da Hostalería e Turismo de Galicia asegurou que son “magníficas”.
“As previsións son magníficas. Estamos vendo unha evolución nestes últimos catro anos totalmente positiva. As porcentaxes da xente que vén a Galicia están a sobrepasarse. Hai presenza de xente en lugares que non son os habituais, como no interior, e está a aumentar a presenza de visitantes que se achegan ao noso país ao longo do ano. Eso é importantísimo”.