Betanzos retira os coches da zona vella
Betanzos súmase ás zonas vellas sen coches
Agás os residentes e comerciantes, o resto dos veciños dispoñen de 30 minutos para circular polo recinto
Comeza hoxe un período de proba de tres meses, despois haberá sancións para quen incumpra a normativa
A maioría de cidades teñen as súas zonas vellas pechadas ao tráfico, e dende hoxe tamén Betanzos se suma a ese modelo de cidade.
"Levamos estes anos traballando moito na zona histórica, en dotala de servizos públicos para facela máis amable para a vida, para o paseo, para mercar, para tomar algo e este era un paso que xa non se podía demorar máis", explica a alcaldesa de Betanzos María Barral Varela.
A restrición de vehículos comezou hoxe, non exenta de críticas, porque non todos pensan que sexa a solución.
"Paréceme un encordio, eu penso que mellor sería deixalo como está"
"Non estou moi de acordo, a verdade"
" Por unha parte paréceme ben porque é unha zona que é tan bonita e estase estragando todo", opinan varias veciñas
Os máis preocupados, os comerciantes, temen perder clientela.
"Están moi afeitos a chegar co coche diante da porta e entón seguro que iso fai afectar negativamente ás nosas vendas", apunta Sonia Romero, comerciante da zona vella
Os primeiros meses serán de proba. Despois, multas de 200 euros para quen incumpra unha normativa que permite os accesos en coche, pero sempre que non se superen os 30 minutos. Quen se exceda terá 48 horas para xustificar a demora e evitar a sanción. 12 cámaras vixían os accesos. Os residentes, propietarios de garaxes e comerciantes teñen autorización para circular sen limitación.
"Estou convencida que será moi bo para a zona e que a curto, medio prazo todos e todas estaremos realmente encantados como en todos os outros zonas vellas", conclúe a alcaldesa