Gandería e pastoreo reducen a vexetación potencialmente combustible no monte
Este domingo remata o prazo marcado pola Xunta para ter as leiras desbrozadas e en perfectas condicións, principalmente as próximas ás vivendas
A Sociedade Galega de pastos e Forraxes defende o lema "Pastos que protexen. Xestión do territorio fronte ao lume"
Este domingo 31 de maio remata o prazo marcado pola Xunta para ter as leiras desbrozadas e en perfectas condicións, principalmente as próximas ás vivendas. Para previr incendios. Moitos colectivos defenden a utilidade do gando para limpar o sotobosque, reducir a biomasa no monte e evitar así os complexos lumes do verán.
A Sociedade Galega de pastos e Forraxes defende este lema "Pastos que protexen. Xestión do territorio fronte ao lume".
O Macizo Central ourensán ten na gandería unha das súas actividades principais, que dende hai séculos define as súas paisaxe e o xeito de vida dos seus habitantes, e que o pasado verán se viu afectada por un dos maiores incendios da historia de Galicia. Un ano despois as cicatrices son visibles.
"Podemos aportar a nosa visión que desde un manexo ben feito de pastoreo e onde hai gandería podemos polo menos limitar moito eses lumes.", di Isabelle Gómez, presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
O coñecido coma incendio de Chandrexa de Queixa-Vilariño de Conso ten a triste marca de ser o terceiro máis grande da historia de Galicia e de ser o que máis durou. A superficie queimada neste incendio superou as 23.000 hectáreas e extendeuse tamén polos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
"Non sendo capaces de cambiar localmente a meteoroloxía que imos ter nin a topografía, realmente o traballo é manter os combustibles menos desfavorables á propagación dos grandes incendios.", engade Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo.
Como facer esta xestión do combustible nun territorio como o galego, con tres millóns de hectáreas, das que só o 20% son terras de cultivo e pastos e onde hai espallados 31.000 núcleos de poboación, máis da metade de todos os asentamentos de España?
"A solución máis sostible económica e socialmente é fomentar nesas faixas usos da terra que eviten a acumulación de combustible: cultivos e pastos", asevera Edelmiro López Iglesias, Pprofesor do departamento de economía aplicada da USC.
Gandería e pastoreo, que reducen a vexetación potencialmente combustible no monte, pero que sobre todo que se converten na primeira liña de salvagarda para as persoas e as vivendas.
O uso de rabaños de ovellas e cabras, e outras especies, para limpar o sotobosque e reducir a biomasa no monte xa está a funcionar noutros territorios, coma Andalucía.
O emprego do gando cada vez vai ser máis importante para a pervivencia do potente sector forestal galego, como unha ferramenta imprescindble para a xestión preventiva do territorio.