Publicador de contidos

Publicador de contidos

As bolsas europeas rebotan pola moderación dos prezos do gas e o petróleo, Wall Street mantense e as asiáticas caen

As bolsas europeas rebotan pola moderación dos prezos do gas e o petróleo, Wall Street mantense e as asiáticas caen

O IBEX 35 subiu o 2,49 % este mércores e rompeu unha serie de tres sesións consecutivas de descensos

Milán sobe un 1,95%; Frankfurt sobe un 1,74% e o CAC francés repunta un 0,78% e Londres medra un 0,80%

Wall Street abre en verde despois de que o presidente estadounidense calmase os mercados ao garantir o transporte polo estreito de Ormuz

G24.gal 04/03/2026 17:53 Última actualización 04/03/2026 22:44

A bolsa española subiu o 2,49 % este mércores e rompeu unha serie de tres sesións consecutivas de descensos, impulsada polas compras dos investidores despois das fortes caídas das dúas últimas xornadas e malia que continúa a incerteza pola guerra dos EUA e Israel con Irán.

O principal índice do mercado nacional, o IBEX 35, sumou 424,6 puntos e pechou nos 17.487 puntos enteiros.

O selectivo volveu ao terreo das ganancias anuais, que perdera na véspera, e o acumulado no que vai de ano chega ao 1,04 %.

O BBVA subiu o 4,26 %; Banco Santander, o 3,88 %; Inditex, o 3,02 %; Iberdrola, o 1,57 %; e Telefónica, o 1,12 %.

E, ao contrario das últimas xornadas, Repsol cedeu o 2,85 %, lastrada pola posibilidade dunha intervención dos prezos da gasolina.

Milán sobe un 1,95%

A Bolsa de Milán pechou este mércores en positivo e o seu índice selectivo FTSE MIB avanzou un 1,95 % ata os 45.336,88 puntos, impulsada por Wall Street e a menor presión nos mercados enerxéticos.

Pola súa banda, o índice xeral FTSE Italia All-Share tamén subiu un 1,94 % ata os 47.901,89 puntos.

O alivio chegou grazas a unha tregua nos prezos do petróleo, que moderaron o seu ascenso, e do gas natural, que corrixiu parte das fortes subas dos últimos días.

O grupo Lottomatica subiu un 14,95 %, Banca Popolare di Sondrio un 4,95 %, o grupo automobilístico Stellantis un 4,80 %, a fabricante de cables Prysmian un 4,52 % e a construtora naval Ficantieri un 4,28 %.

Entre os peores valores do selectivo atopáronse a fabricante de audífonos Amplifon (-2,18 %), os bancos Mediobanca (-1,58 %) e Banca Monte Paschi Siena (-1,20 %) e as enerxéticas Eni (-0,40 %) e Hera (-0,38 %).

 Fráncfort sobe un 1,74%

A Bolsa de Frankfurt subiu hoxe un 1,74 %. O DAX 40, o índice selectivo da Bolsa de Frankfurt, pechou cunha suba do 1,74 % ata situarse nos 24.205,36 puntos.

O produtor de chips Infineon subiu un 5,4 %, ata 43,95 euros, polas boas perspectivas da holandesa ASM International.

A empresa de tecnoloxía enerxética Siemens Energy, matriz de Gamesa, gañou un 4,7 %, ata 162,75 euros, e a de tecnoloxía sanitaria Siemens Healthineers avanzou un 3,3 %, ata 41,41 euros.

O fabricante de artigos deportivos Adidas perdeu un 3,6 %, ata 141,80 euros.

O distribuidor de químicos Brenntag cedeu un 4,3 %, ata 47,05 euros, polo impacto do encarecemento da enerxía.

O grupo químico e farmacéutico Bayer baixou un 2,4 %, ata 37,40 euros, e Symrise perdeu un 3,1 %, ata 70,94 euros, tras presentar ambas os seus resultados.

Londres medra un 0,80% e o barril de Brent mantense nos 81,40 dólares do día anterior

 A Bolsa de Londres recuperouse lixeiramente este mércores e subiu un 0,80 % despois de dous días de caída. 

O índice principal londinense, FTSE 100, avanzou 83,52 puntos ata os 10.567,65, mentres que o secundario, FTSE 250 —que agrupa empresas máis pequenas, en xeral británicas—, medrou un 0,89 %, ata 22.896,67 puntos.

A empresa enerxética e de metais Metlen disparouse un 7,44 %; o fondo de xestión patrimonial St. James’s Place medrou un 5,01 %; e a contratista militar Rolls-Royce Holdings  avanzou un 4,60 %.

A empresa de enxeñaría Weir Group afundiuse un 10,64 %; a promotora inmobiliaria Barratt Redrow cedeu un 3,06 %; e a minorista de bebidas alcohólicas Diageo perdeu un 2,88 %.

O petróleo de Brent mantense nos 81,40 dólares do día anterior. O cru do Mar do Norte, de referencia en Europa, mantense sen cambios mentras avalía o anunco de trump de ofrecer seguros de risco político "a prezo razoable" para as navieiras que crucen o estreito de Ormuz, polo que circula o 20% do petróleo mundial.

O CAC francés repunta un 0,79%

O principal índice da Bolsa de París, o CAC-40, pechou a sesión deste mércores cunha moderada suba do 0,79 %.

Así, o CAC-40 terminou a xornada bolsista nos 8.167,73 enteiros, con 28 valores en verde, un sen cambios e 11 en vermello.

A siderúrxica ArcelorMittal subiu o 5 %; o fabricante automobilístico Stellantis mellorou o 4,91 %; e a cadea de hoteis Accor, apreciouse o 4,31 %.

En vermello, destacaron a empresa de bebidas espirituosas Pernod Ricard (-3,04 %) e a petroleira TotalEnergies baixou un 1,82 %.

Wall Street sobe un 0,49%

 Wall Street pechou en verde este mércores e o seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, subiu un 0,49 %  ata os 48.739 enteiros; o selectivo S&P 500 gañou un 0,78 %, ata as 6.869 unidades; e o tecnolóxico Nasdaq avanzou un 1,29 %, ata os 22.807.

A Bolsa de Nova York pechou en verde por primeira vez  tras o ataque conxunto dos EUA e Israel contra Irán o pasado sábado.

O Nasdaq foi o índice que mostrou unha mellor recuperación ao peche da xornada deste mércores, impulsado polas subas dalgunhas tecnolóxicas.

As accións de Micron Technology subiron un 5,55 %, mentres que as de Broadcom e Nvidia medraron un 1,18 % e un 1,66 %, respectivamente.

Pola súa banda, o petróleo intermedio de Texas (WTI) tamén se moderou e pechou a sesión en 74,66 dólares o barril tras repuntar un 0,1 %.

Noutros mercados, o ouro subíu un 0,42 %, ata os 5.145 dólares a onza, e a prata caía un 0,32 %.

Caída xeneralizada en todas as bolsas asiáticas e derruba histórica na surcoreana

As principais bolsas asiáticas continuaron este mércores a tendencia baixista a raíz do conflito en Irán.

O principal índice da Bolsa de Seúl, o Kospi, afundiuse un 12,06 %, a súa peor caída porcentual histórica.

No parqué de Seúl, o Kospi terminou a xornada cun afundimento sen precedentes, ao caer 698,37 puntos, ata os 5.093,54 enteiros. O récord previo fora o declive do 12,02 % rexistrado o 12 de setembro de 2001, tras os atentados terroristas contra as Torres Xemelgas en Nova York.

 O operador da Bolsa de Seúl suspendeu ao mediodía, durante 20 minutos, a negociación bolsista, cando o Kospi acumulaba unha baixada de máis do 8 %.

- Entre as perdas máis drásticas: o estaleiro Hanwha Ocean (-19,87 %), o fabricante de vehículos Hyundai Motor (-15,8 %) e a súa empresa irmá Kia (-14,04 %).

O Nikkei afúndese un 3,61% ata o seu nivel máis baixo desde principios de febreiro

O principal índice da Bolsa de Toquio, o Nikkei, que agrupa os 225 títulos máis representativos do mercado, afundiuse un 3,61 %, encadeando a súa terceira sesión consecutiva con caídas, ata situarse nos 54.245,54 enteiros, o seu nivel máis baixo desde principios de febreiro.

 No sector dos semicondutores, o xigante das telecomunicacións e do investimento SoftBank, que apostou con forza pola intelixencia artificial (IA), afundiuse un 7,16 %.

Na China, Shangai cae un 0,98% e Shenzhen baixa un 0,75%

Os parqués de Shanghai e Shenzhen pecharon con perdas dun 0,98 % e dun 0,75 %, respectivamente, mentres que o índice CSI 300, que mide a evolución dos trescentos principais valores deses dous mercados, baixou un 1,14 %.

A peor parte levouna o referencial da Bolsa de Hong Kong, o Hang Seng, que baixou un 2,01 %, con só 11 das 88 compañías que o compoñen escapando da marea vermella.

Ao outro lado do Estreito de Taiwán, o selectivo da Bolsa de Taipei, o Taiex, baixou un 4,35 %.

 Tailandia cae un 5,5% pola súa dependencia das importacións enerxéticas

No sueste asiático, o índice STI de Tailandia, país moi dependente das importacións enerxéticas procedentes do estreito de Ormuz, afectado pola guerra, afundíase arredor dun 5,5 % preto do peche.

Indonesia cae un 4,57 % e Singapur un 2,39 %.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade