O fabricante dos aspiradores Roomba declárase en quebra
Picea, principal prestamista e fabricante de iRobot, recibirá o 100% das accións de Roomba
En xaneiro de 2024, Amazon cancelou un acordo para a adquisición de iRobot ao considerar que a transacción non tiña visos de lograr a aprobación dos reguladores da Unión Europea
Imaxe de arquivo do robot aspirador Roomba i7+ para ilustrar a noticia
iRobot, a empresa fabricante dos aspiradores Roomba, iniciou xunto a varias filiais un proceso voluntario de bancarrota baixo a protección do Capítulo 11 da Lei de Quebras dos Estados Unidos no marco do acordo de reestruturación alcanzado coa compañía chinesa Shenzhen Picea Robotics e Santrum Hong Kong, subsidiaria desta, para adquirir o 100 % da compañía estadounidense, que deixará de cotizar no Nasdaq.
iRobot, que seguirá operando con normalidade durante a quebra e espera completar o proceso para febreiro de 2026, considera este acordo de reestruturación un paso crucial para fortalecer a base financeira da empresa e colocala para o crecemento a longo prazo.
Segundo os termos do acordo, Picea, principal prestamista e fabricante de iRobot, recibirá o 100 % das accións da empresa, o cal permitirá a esta seguir operando e mellorar a súa estabilidade financeira, reducir a débeda e impulsar a innovación na súa carteira de robótica e dispositivos domésticos intelixentes.
Unha vez completada a transacción, iRobot pasará a ser unha empresa privada propiedade ao 100 % de Picea e as súas accións deixarán de cotizar en Nasdaq Stock Market. Así mesmo, iRobot prevé que, se o Tribunal do Distrito de Delaware aproba o plan de bancarrota, os accionistas da compañía non recibirán ningunha participación no capital da firma reorganizada, polo que os accionistas experimentarán unha perda total e non recuperarán o seu investimento.
"O anuncio de hoxe marca un fito crucial para asegurar o futuro a longo prazo de iRobot", declarou Gary Cohen, conselleiro delegado de iRobot.
O fabricante de Roomba, fundado en 1990, que deu o salto ao parqué en 2005, xa advertiu o pasado mes de marzo de dúbidas substanciais sobre a súa capacidade para continuar operando ante a incerteza polo impacto sobre a demanda dos consumidores da competencia, as condicións macroeconómicas e os aranceis.
En xaneiro de 2024, o xigante estadounidense do comercio electrónico Amazon cancelou un acordo para a adquisición de iRobot ao considerar que a transacción non tiña visos de lograr a aprobación dos reguladores da Unión Europea, que advertiran uns meses antes de que a compra podería restrinxir a competencia.
Tras frustrarse a operación, iRobot anunciou un plan de reestruturación para reforzar a súa base financeira, que supuxo un axuste de persoal superior ao 50 %.