Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mercarías un paquete sen saber que hai dentro? Venden en Vigo envíos perdidos nas grandes plataformas

Mercarías un paquete sen saber que hai dentro? Venden en Vigo envíos perdidos nas grandes plataformas

En España extravíanse de media máis de dous paquetes cada minuto, 3.300 cada día

Os interesados poden examinar e tocar os envoltorios pero non se poden abrir

 

G24.gal 02/02/2026 14:37

Vale ver, tocar, axitar ou incluso escoitar. Pero non se poden abrir. Este luns chegou a Vigo unha tenda efémera que vende paquetes extraviados nas grandes plataformas, como Amazon ou Aliexpress. Segundo o sector da loxística cada día en España xestiónanse tres millóns trescentos mil envíos de compras a distancia.

Só se perde o 0,001 % pero en números absolutos pode ser moito: tres mil trescentos paquetes cada día, máis de dous cada minuto. Hai empresas que viron aí unha oportunidade de negocio: mercan lotes para revendelos despois. 

"Un paquete considérase perdido cando pasa un tempo legal, cando pasan tres meses, logo dáse por abandonado", explica Pedro Belchior, encargado de Trevovox, a empresa portuguesa que instalou a tenda no centro comercial Vialia de Vigo.

Como di o nome da empresa, o gancho é atopar un trevo escondido nunha caixa. Os paquetes véndense ao peso e non se poden abrir ata despois de pagar. Os interesados intentan deducir o contido e poden levar sorpresas ou chascos.

"Nalgúns podes intuír o que hai, pero no resto...", confirma un mozo que se decidiu a comprar varios paquetes. "É a pantalla dun móbil...", di con certa decepción un home que pensaba que puidera atopar un teléfono. "Un panel solar!", revela unha muller mentres mostra o seu achado entre gargalladas.

A tenda que abriu en Vigo permanecerá aló só esta semana. Logo viaxarán a Salamanca e despois a outros lugares de España. Dende hai algúns anos, agroman negocios así noutras cidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade