Publicador de contidos

Publicador de contidos

Primeira xornada de paros parciais no centro loxístico de Amazon no Porriño

Primeira xornada de paros parciais no centro loxístico de Amazon no Porriño

Os traballadores protestan para reclamaren melloras laborais

As entregas están a sufrir atrasos, só neste día quedaron sen repartir 6.600 paquetes 

Os traballadores concentráronse ás portas da empresa Os traballadores concentráronse ás portas da empresa
G24.gal 16/03/2026 16:10

Primeira xornada de paros parciais no centro loxístico que Amazon ten no Porriño para reclamar melloras laborais. Os traballadores concentráronse este luns ás portas da empresa.

O sindicato CIG, que lidera o comité de empresa, informou de que o seguimento do paro foi "case total" no centro do Porriño, en cuxo almacén traballan unhas 70 persoas (dun persoal total dunhas 95 persoas). Segundo lembrou a central, esta medida de protesta forma parte do calendario de mobilizacións iniciado a finais do ano pasado "ante a negativa da dirección para acabar cos altos niveis de precariedade".

O comité esixe melloras para poñer fin á "excesiva carga de traballo" e aos "incumprimentos en materia de prevención e saúde laboral". Igualmente, piden aumentar as horas dos contratos a tempo parcial e fixos discontinuos, un plus específico de traballo en domingo, e unha bolsa de horas anual para asistencia a consultas médicas.

Desde a anterior convocatoria de folga (en decembro de 2025), producíronse dúas reunións entre empresa e comité "sen que se produciron avances pola actitude inmobilista da dirección", segundo o sindicato, que lembrou que os soldos da maioría de persoal "oscilan entre os 900 e os 1.000 euros".

Cando o comité convocou as tres xornadas de paro parcial, a empresa saíu ao paso asegurando que os seus empregados do Porriño traballan nunha contorna "moderna e segura, con salarios e beneficios competitivos".

En concreto, aseguraron que os salarios que ofrece a empresa están por encima do convenio colectivo provincial do sector loxístico, cun salario de entrada de máis de 1.500 euros brutos mensuais "e beneficios valorados en miles de euros anuais como o seguro médico privado ou seguro de vida, entre outros".

"Ademais, as persoas empregadas neste centro contan con sólidas oportunidades de desenvolvemento profesional, como o demostran as recentes promocións internas a diferentes niveis de responsabilidade", apuntaron as mesmas fontes.

Esta mobilización dos traballadores está a provocar atrasos nas entregas de paquetes. Só nesta primeira xornada de paro quedaron sen repartir 6.600 paquetes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade