Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un total de 298.436 alumnos volven este mércores ás aulas galegas, case 5.000 menos

Un total de 298.436 alumnos volven este mércores ás aulas galegas, case 5.000 menos

A Xunta destaca que haberá ao redor de 12.000 aulas, das cales 800 mantéñense grazas ao acordo de mellora do sistema educativo

O curso comeza cunha folga parcial nos centros de educación concertada

)Carlos Castro / Europa Press-Arquivo) )Carlos Castro / Europa Press-Arquivo)
G24.gal 08/09/2026 18:09

Un total de 298.436 alumnos -- 4.617 menos ca o curso pasado -- regresarán ás aulas galegas este mércores 9 de setembro, día no que dá comezo un novo curso escolar no que a Xunta apostará por seguir fomentado o modelo híbrido de ensino e o uso responsable da Intelixencia artificial (IA).

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, auguraba esta semana "inmensa normalidade" no retorno ás clases que, recoñecía, pode conlevar momentos de "certa tensión familiar, do profesorado e demais".

"Pero eu creo que o sistema educativo galego funciona con inmensa normalidade. Sempre hai problemas, como en calquera servizo público ou ámbito da vida cotiá, pero o importante é que hai estabilidade", defendía.

Aínda que faltan aínda por pechar o número de estudantes de Formación Profesional (FP) e ensino para adultos, Educación Infantil contará con 46.678 alumnos -981 menos que o curso pasado--; Educación Primaria con 121.491 -2.600 estudantes menos--; a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) con 95-503 -854 menos--; Bacharelato con 33.474 alumnos -229 menos--; e a Educación Especial un total de 1.290, cifra similar ao ano pasado.

A redución de alumnado chega por primeira vez a Bacharelato. En referencia a Infantil, de cada tres prazas que se ofertan en cuarto curso --alumnos de tres anos--, quedan un terzo delas baleiras, é dicir, sen cubrir.

O titular de Educación xustificaba este descenso en practicamente todas as etapas co contexto de caída da natalidade na comunidade.

"Vimos dunha secuencia progresiva de incremento derivada da incorporación dos nenos do 'babyboom' de finais da primeira década e agora identificamos a primeira redución en Bacharelato e un cambio demográfico moi forte", explicaba o conselleiro, quen apuntaba que se ve "en parte compensada" polo incremento de poboación estranxeira, con fillos nados no exterior.

Modelo híbrido de ensino

Con respecto aos docentes, este ano escolar haberá unha ampliación no cadro de secundaria duns 900 profesores máis. Un dato "moi significativo" que permitirá "mellorar a calidade educativa e garantir a igualdade de oportunidades".

Ademais, en relación ao número total de aulas, neste curso será de ao redor de 12.000, similar á do ano pasado. Isto débese á redución das cocientes a 20 alumnos por aula, que se completa este curso para toda a etapa de Infantil e comezará a aplicarse no curso 2027/28 en Primaria.

Neste curso escolar, o Goberno galego continuará impulsado a "convivencia en harmonía, lóxica e coherente" entre o mundo dixital e analóxico, aproveitando as potencialidades que ofrece a tecnoloxía con "sentidiño e criterios pedagóxicos".

Con relación á FP, este ano ampliarase a oferta con dúas novidades: A posta en marcha de itinerarios integrados, que facilitarán ao estudante continuar a súa formación; e a primeira dobre titulación internacional, no IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña.

Outra das novidades deste novo curso é o 'Plan de impulso á atención a diversidade', que supoñerá a incorporación dá as aulas en dous anos de 400 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, 150 deles xa este curso.

A maiores, poñerase en marcha un programa piloto, en colaboración con entidades especializadas en atención á diversidade, para favorecer a aprendizaxe deste alumnado. Para iso, ofreceráselles un apoio máis individualizado, á vez que se garante, como máxima principal, a súa inclusión na contorna ordinaria.

Acordo con sindicatos e críticas da CIG

Durante estes días, o conselleiro tamén aproveitou para poñer en valor o acordo alcanzado entre a Xunta de Galicia e os sindicatos CCOO, ANPE, UXT e CSIF para mellorar as condicións laborais do profesorado e reducir as cocientes de alumnos. Un acordo, destacaba, ao que non se sumou a CIG.

Precisamente este sindicato mostrouse moi crítico coa planificación da 'volta ao cole'. Consideran que as medidas adoptadas son "escasas" -posto que algunhas só teñen vixencia para un ano, alegan- e os anuncios, en moitos casos, "esaxerados".

Concretamente, poñen o foco, por exemplo, na atención á diversidade. Cun anuncio de 50 orientadores máis, aseguran que ese número é "insuficiente" e que a maior parte de centros continuarán sen el.

Respecto ás cocientes, denuncian que só se viron reducidas en infantil e a baixada é necesaria en todas as etapas. Tamén consideran insuficiente a redución do número de horas lectivas dos profesores.

Folga na educación concertada

Precisamente para o primeiro día de clase, o 9 de setembro, os sindicatos da educación concertada en Galicia convocaron unha xornada de folga ante o que cualifican de "nula vontade" da Consellería de Educación para establecer un calendario de negociacións.

O obxectivo, conforme apuntan nun comunicado conxunto asinado por FSIE, UXT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG, é desbloquear tanto os acordos de mellora das condicións labores como o abono da paga extraordinaria de antigüidade ou os complementos de cargo de hai máis de 17 anos, "algúns deles mesmo estando asinados e publicados no Diario Oficia de Galicia".

A xornada de folga estará acompañada de concentracións ás 10,00 horas ante as delegacións da Consellería de Educación nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.

A Consellería de Educación publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) os servizos mínimos para esta folga parcial.

En concreto, o paro está convocado de 9,00 horas a 12,00 horas en todos os centros de educación concertada por parte dos sindicatos FSIE, FESP UXT, CC.OO. FeUSO, SNEP e CIG, que reclaman o desbloqueo dos acordos de homologación neste sector e a convocatoria da mesa tripartita de negociación.

Na orde publicada no DOG, a Xunta lembra que o exercicio do dereito a folga debe ser compatible con "o funcionamento dos servizos esenciais", como o educativo.

Para iso, establece como servizos mínimos a presenza dun membro do equipo directivo ou subalterno que garanta a apertura e peche dos centros, así como o 20% do persoal docente e o 20% do persoal complementario, que deberá ser fixado por cada centro. Os sindicatos xa expresaron este luns a súa consideración de que estes servizos mínimos son "abusivos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade