Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os servizos mínimos da folga de autobuses non se cumpren na Coruña nin en Santiago

Os servizos mínimos da folga de autobuses non se cumpren na Coruña nin en Santiago

Os piquetes impiden a saída de autobuses urbanos en Santiago

Fontes da Xunta din que "ata as 10:30 horas o grao de cumprimento dos servizos mínimos foi do 59 % nos contratos afectados e no transporte escolar, do 76 %"

Sindicatos advirten de que a folga será indefinida a partir de xaneiro se non hai avances nun sector con xornadas de "ata 15 horas" por 1.200 euros

G24.gal 05/12/2025 08:35 Última actualización 05/12/2025 19:27

Primeira xornada de folga do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña. Os traballadores do sector convocaron ademais novos paros para os días 12, 15 e 19 deste mes. Chegan a esta decisión despois da paralización das negociacións dun novo convenio colectivo. Reclaman unhas condicións laborais dignas, a actualización dos soldos e a renovación da frota. Esta folga afectará tanto ao transporte escolar como ao desprazamento de milleiros de usuarios.

Os sindicatos advirten de que a folga será indefinida a partir de xaneiro se non hai avances nun sector con xornadas de "ata 15 horas" por 1.200 euros

A primeira hora desta mañá foron moitos os que se atoparon con problemas á hora de coller un autobús interurbano na provincia da Coruña. Non saíu ningún dende a estación, e os que o intentaron non puideron porque non llelo permitiron os traballadores que estaban tanto na entrada como na saída. Só puideron saír as liñas que fan longo percorrido.

Hai decretados uns servizos mínimos para o transporte escolar e de traballadores, pero a idea é que non saía ningún. 

Os piquetes impiden a saída de autobuses urbanos en Santiago á primeira hora

A folga convocada no transporte de viaxeiros por estrada en toda a provincia da Coruña para este venres arrincou con complicacións en Santiago de Compostela, xa que os piquetes impediron a saída dos autobuses urbanos que debían realizar as viaxes de primeira hora fixadas nos servizos mínimos.

Os sindicatos definen como "total" o seguimento da folga de transporte convocada na provincia da Coruña este venres. O primeiro dos catro días de paros convocados para este mes, que coincidiu co inicio do ponte da constitución, deixou imaxes de centos de viaxeiros afectados nas estacións de bus das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.

En Compostela, os piquetes actuaron desde primeira hora na estación intermodal e en Amio, o que deixou inoperativo o bus urbano, sen que se cumprisen os servizos mínimos. Co paso das horas, comezaron a saír os autobuses urbanos con destino ao hospital e outras liñas como C11, 5, 6 e 6A, que chega ata o aeroporto.

 No Concello de Santiago confirmaron que debido á presenza de piquetes os autobuses encargados dos servizos mínimos non puideron saír.

Sen cumprir cos servizos mínimos

Os servizos mínimos da folga de transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada na provincia da Coruña convocada por CIG, UXT e CCOO para este venres, día 5, non se cumpriron na cidade herculina nin en Santiago, si en Ferrol.

"Cando non son mínimos e son máximos o resultado é este", recalcou o responsable sector de estradas de UXT, Iván Cancela, tras explicar que o transporte escolar "si se está realizando todo". Foi en declaracións aos medios durante a protesta celebrada polo persoal ante a estación de autobuses da Coruña.

Na mobilización participaron arredor de 200 persoas en resposta á parálise na negociación e en demanda dun convenio colectivo "digno". "A folga está a ser un éxito, cun seguimento do 100 %", expuxo Cancela respecto a unha xornada que transcorreu "con normalidade" e sen incidencias neste municipio aínda que co enfado de parte dos usuarios.

"Comprendémolo pero teñen que entender que é unha situación límite para nós tamén, somos igual de damnificados que eles", argumentou e engadiu que van "seguir informando os compañeiros e esperando a ver se hai algún tipo de movemento por parte da patronal". 

Na mesma liña, o secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, Jorge García, sinalou que os condutores dos servizos mínimos, tras ser informados do motivo da folga, "decidiron pola súa conta non saír". "Son conscientes de que este convenio é para mellorar as súas condicións laborais", incidiu.

Pola súa banda, o responsable do transporte en CIG, Ernesto López, lembrou que as súas demandas son, principalmente, "actualizar os salarios, modernizar e reducir a xornada laboral e favorecer a conciliación da vida familiar".

Xunta

Pola súa banda, fontes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que é a que ten as competencias sobre mobilidade, consultadas por Europa Press, trasladaron que "ata as 10:30 horas o grao de cumprimento dos servizos mínimos foi do 59 % nos contratos afectados e no transporte escolar do 76 %". Así mesmo, apuntaron que os autobuses "teñen dificultades" para realizar as entradas e saídas das estacións da Coruña, Santiago e Ferrol "pola presenza dos piquetes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade