Un home recibe un disparo na perna en Becerreá durante unha xornada de caza
O ferido, veciño de Pedrafita, tivo que ser evacuado en helicóptero ao hospital Lucus Augusti de Lugo
Un home, veciño de Pedrafita, recibiu este domingo un disparo nunha perna durante unha xornada de caza en Becerreá (Lugo). Segundo informou o presidente do tecor, o home resultou ferido polo rebote dunha bala. Tras o impacto, tivo que ser evacuado en helicóptero ao hospital Lucus Augusti da capital provincial.
O 112 Galicia informou de que o accidente se produciu ás 14:00 horas no lugar de Bustelo, en Becerreá. A alerta chegou á central do 112 a través dun aviso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que organizou o envío dunha dotación a bordo do helicóptero con base en Ourense.
Pola súa banda, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron os axentes da Garda Civil.