No accidente de tren de Adamuz pasaron 15 segundos entre o descarrilamento e o choque
As caixas negran establecen o tempo exacto que pasou desde a saída de vía e o accidente
O descarrilamento do Iryo provocou que se activase o sistema de seguridade, que conlevou a freada do Alvia cando circulaba a 216 quilómetros por hora
As caixas negras dos dous trens, accidentados o pasado 18 de xaneiro en Adamuz, Córdoba, revelan que entre o primeiro síntoma de descarrilamento do tren Iryo e o choque co Alvia transcorreron só quince segundos; así se recolle nunha nota da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) coñecida este martes.
A investigación establece que ás 19:43:29 se produciu unha desconexión eléctrica do motor do tren, "a primeira anomalía que se detecta como síntoma do descarrilamento", e 15 segundos segundos máis tarde (ás 19:43:44 horas) a caixa negra do Alvia "deixa de almacenar datos".
Ese instante "corresponde presumiblemente ao momento da colisión entre ambos os trens", segundo a primeira análise das caixas negras, que revela que o descarrilamento ocasionou unha freada de emerxencia no Alvia de maneira automática a través do sistema de seguridade LZB.
A desconexión tivo lugar cando o tren Iryo ía a 205 km/h
Segundo a CIAF, a desconexión estaría relacionada presumiblemente "con perturbacións da tensión ou falta de contacto do pantógrafo coa catenaria", e é a primeira anomalía que se detecta como síntoma do descarrilamento.
Esta desconexión, que a investigación detalla que se produciu a través da apertura do disyuntor, produciuse cando o tren Iryo ía a 205 qm/h.
Agora, a comisión de investigación destaca que se poderán obter máis datos coa análise do rexistro de eventos do telemando, que foi solicitado ao xestor ferroviario, ADIF.
Freada de emerxencia do Alvia, que circulaba a 216 km/h
Catro segundos despois dese primeiro descarrilamento, o Iryo ocupaba o circuíto de vía 645, que incluía a agulla A645, pero rexistrouse nese momento unha alarma de temperatura en caixas de graxa do coche 8, "presumiblemente por ir xa descarrilado".
"Esta alarma provoca a activación do freo do tren, e o tren está a frear", recolle a CIAF, que asegura que ás 19:43:37, oito segundos despois do descarrilamento, a agulla A645 queda sen comprobación.
Ante esa situación, o sistema de seguridade LZB orixina unha freada de emerxencia no tren Alvia, que nese momento circulaba a 216 km/h, o que orixina que, cando presumiblemente impacta cos últimos vagóns do Iryo, xa diminuíse a 204 km/h.
O contido das caixas negras, entregado á Policía Xudicial e a CIAF
Os datos das caixas negras, así como as imaxes do circuíto interno do tren Iryo, extraéronse o día 5 de marzo diante do Letrado da Administración de Xustiza, e coa participación de axentes da UCO, investigadores da CIAF, e persoal de Iryo, Hitachi, Actren, Renfe Viaxeiros, Leonardo e Hasler Rail.
A CIAF salienta que, do contido descargado, realizáronse tres copias: dous entregáránse a Policía Xudicial e a terceira quedou en dependencias da CIAF, co obxectivo de realizar o análise pertinente. Posteriormente, o día 9 foi cando se realizou a análise dos datos descargados.
Análise das imaxes
A investigación detalla que se están analizando as imaxes do interior dos coches do tren Iryo para definir de forma máis concreta a secuencia e confirmar os datos das caixas negras, pois abarcan os primeiros momentos do descarrilamento, pero non inclúen toda a secuencia posterior.
Os datos que se obteñan permitirán á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios avaliar o impacto do suceso, así como os plans de resposta e a súa posible mellora, sinala a nota.