Citan a declarar como investigada a policía que recibiu un aviso sobre a pasarela de Santander
A xuíz que instrúe a causa da morte dos seis mozos, citouna para o 27 de marzo
A axente da policía local recolleu unha chamada do 112 que avisaba do mal estado dese paso
A xuíz que instrúe a causa da morte de seis mozos en Santander, tras romper unha pasarela costeira, citou a declarar o 27 de marzo, como investigada, á policía local que recolleu unha chamada do 112 que avisaba do mal estado dese paso, e como testemuña á operadora dese servizo de emerxencias.
Ademais, pide máis información e documentación sobre esas chamadas e sobre a senda costeira da que forma parte a pasarela a emerxencias, ao Concello e a Costas.
Nunha providencia, a titular da Praza numero 1 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Santander, que estaba de garda o 3 de marzo cando se produciu o sinistro, cita, en calidade de testemuña, o mesmo 27 de marzo, ao veciño que un día antes do sinistro chamou ao 112 para informar de que a pasarela estaba rota.
Tamén pediu que acudan ese día para declarar os dous ciclistas que avisaron que rompera a pasarela e oíron á única sobrevivente pedindo auxilio e os dous policías nacionais que fixeron a inspección ocular tras o sinistro.
Na súa resolución, ditada onte, sábado, e que deu a coñecer este domingo nun comunicado o Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, a xuíz destaca o informe que recibiu da Policía Nacional, que cualifica de "detallado, minucioso e elaborado en tempo récord".
Houbo máis avisos de como estaba a senda?
Tras as súas primeiras dilixencias, a maxistrada solicita, ademais, ao servizo de emerxencias 112 que aclare se desde a creación da senda costeira recibiu máis chamadas alertando sobre o estado da pasarela e, no caso de que existan, pide a entrega dos audios.
Na súa providencia, a xuíz ordena, ademais, á Demarcación de Costas -dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica- e ao Concello de Santander que acheguen toda a documentación relativa á senda costeira.
A xuíz pide a ambas as administracións expedientes administrativos e demais informes técnicos relativos ao proxecto de execución e construción, e tamén todos aqueles dos que se dispoñaen relación ao estado de conservación e mantemento.
"Evitar todo acceso á pasarela"
En relación á pasarela, a maxistrada solicita que se manteña o precinto, esixindo a colocación de barreiras físicas para evitar todo acceso á mesma, e require a Costas e ao Concello "para que se absteñan de realizar calquera manipulación, traslado ou alteración da instalación".
A xuíz traslada aos familiares das vítimas mortais, e á única sobrevivente do suceso, que comparezan, se o desexan, na causa.
Esa resolución da maxistrada non é firme e contra ela pode interpoñerse un recurso de reforma, ante o seu Xulgado, no prazo de 3 días.