A comunidade de montes de Baroña impulsa un centro colaborativo de transformación agroalimentaria
Calquera gandeiro da comarca da Barbanza ou doutras zonas de Galicia poderá elaborar derivados cárnicos nestas instalacións da comunidade de Baroña, no concello do Porto do Son.
A comunidade de montes de Baroña destaca polo aproveitamento integral do monte: non só a través da madeira senón tamén coa produción de resina, cogomelos, mel ou con gandería en extensivo. Agora dan un paso máis: o seu centro de transformación alimentaria vaise abrir a pequenos produtores da Barbanza e doutras comarcas.
"Na comunidade de montes de Baroña temos gandería de vacas, cabalos, ovellas e cabras. Temos animais que están no monte en extensivo, sen pensos, sen antibióticos, facendo mesmo labores de prevención de incendios. É indiscutible a calidade da carne, pero necesitamos a transformación, por eso puxemos en marcha un centro de transformación, para que esa carne se poida vender no mercado xa transformada. Ese proxecto, que en principio era só para animais da comunidade de Baroña, agora grazas a un convenio coa Deputación da Coruña vaise converter nun centro colaborativo. Calquera gandeiro que teña animais, mesmo de toda Galicia, podería transformar neste espazo. Vaise elaborar desde carne fresca, embutidos ou hamburguesas, ata produtos de cuarta e quinta gama, produtos como guisos ou lasañas", explica o presidente da Comunidade de montes de Baroña, Ovidio Queiruga.
A comunidade de Baroña é a principal produtora de resina de Galicia. Din que este ano a produción foi moi boa, tanto en cantidade como en calidade. A través destas xornadas organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, outras comunidades de montes poden coñecer de primeira man o modelo de aproveitamento do monte da comunidade de Baroña.