Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comuneiros de Vilagarcía denuncian o roubo dunha das mesas do miradoiro de Cea

Comuneiros de Vilagarcía denuncian o roubo dunha das mesas do miradoiro de Cea

Os ladróns serraron a mesa e a levaron coa axuda dun tractor

A área recreativa forma parte dun proxecto de rexeneración do monte 

 

 

G24.gal 11/05/2026 14:50

Xulián foi o primeiro en botar en falta a mesa, que alguén serrou polas patas nun dos miradoiros con mellores vistas da Arousa.

"Notei que faltaba a mesa e xa vin as rodeiras do tractor. Como a mesa tiña ancoradas dúas patas con cemento no chan, acabaron usando unha motoserra para levala", explica Xulián Abuín Fontenla, presidente da comunidade de montes de San Pedro de Cea.

O que máis lle doe é que estas mesas se inauguraran hai menos dun ano. Foron o colofón dun proxecto de rexeneración en que se plantaron máis de 30.000 árbores para devolver a vida a un monte arrasado polo lume.

"Xa non é so a mesa, estamos fartos de que cada obra que facemos para coidar o monte veñen e a destrozan pola noite. Esa mesa seguramente non a tiran, vana poñer nunha casa, seguro", explica Luis Piñeiro, vogal da comunidade de montes.

"Coa vista bonita que hai e o esforzo que se fai por coidar o monte, e en vez disfrutar veñen roubar", engade Xulián.

Séntense desprotexidos ante este tipo de ataques. Por iso piden que as administracións intensifiquen a vixilancia nun monte moi transitado.

"Que veña Seprona, Garda Civil, Xunta ou quen sexa porque nós non podemos controlar todo. Non somos autoridade nin estamos a esas horas polo monte", pide Luis.

"Que identifiquen sospeitosos a ver se polo menos collen medo e non volven facelo", remata Xulián.

Fan tamén un chamamento ao civismo para que este monte non volva ser noticia por roubos, incendios ou verteduras senón por ser un exemplo de monte rexenerado e multifuncional no corazón da Arousa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade