Xornada crucial para garantir a permanencia do Obradoiro na ACB
O martes xogan todos os seus rivais directos e os santiagueses irán o mércores a Badalona
O Breogán pode ser xuíz da salvación no seu partido en Fuenlabrada
Unha canastra de Alberto Abalde cando faltaban dúas décimas para que rematase o partido botou por terra as posibilidades do Obradoiro de certificar a permanencia.
Un bo partido que lamentablemente non saca os composteláns de pobres. Quedan dúas xornadas para que remate a liga... e así de apertada está a clasificación por abaixo. Hai dous triplos empates entre os contendentes. Zaragoza, Obradoiro e Betis con once vitorias. Burgos, Andorra e Fuenlabrada con 10. A salvación véndese cara a esta temporada.
Todos os rivais directos do Obradoiro disputan os seus partidos na xornada do martes. O Fuenlabrada recibe o Breogán, o Andorra visita a pista do Zaragoza, o Burgos xoga na Fonteta e finalmente o Betis mídese na casa co Gran Canaria.
E cousas da vida, pode ser o Breogán o que saia ao rescate do Obradoiro se lle gaña ao Fuenlabrada no primeiro partido desta xornada. Os de Mrsic precisan os puntos para seguir alimentando o soño, cada vez máis complicado, de disputar o play off. Pero é que o Fuenlabrada xógase a vida, literalmente, neste encontro.
Estragar a festa dos madrileños sería unha ledicia para o Obradoiro, que este mércores visita o Joventut. Aos de Moncho Fernández abóndalles unha vitoria para manter a categoría. A salvación, en calquera caso, pode chegar xa esta xornada de dúas formas: gañando o seu partido ou ben coa derrota de Fuenlabrada e Burgos nos seus respectivos encontros.