Santiago e Ferrol acollerán a fase final dunha das mellores edicións da Copa Galicia
Seis dos oito equipos participantes compiten na máxima categoría do baloncesto español
O Breogán defenderá o título acadado o ano pasado do 5 ao 6 de setembro
Unha semana despois xogarase na Malata a fase final feminina
A deste 2026 será unha das mellores edición da Copa Galicia de baloncesto da historia. Dos oito equipos participantes, seis deles están na elite do baloncesto despois do ascenso á ACB do Leyma Coruña e o Monbús Obradoiro e á Liga Feminina do Celta Femxa Zorka.
A Federación Galega de Baloncesto deu a coñecer as sedes e as datas nas que se xogará a competición. Na categoría masculina será do 5 ao 6 de setembro no Multiusos Fontes do Sar. Alí xuntaranse o Río Breogán, defensor do título, o Leyma Coruña, o Monbús Obradoiro como anfitrión e o Club Ourense Baloncesto.
Na categoría feminina a competición disputarase unha semana despois (do 11 ao 12 de setembro) no Pavillón da Malata. O Baxi Ferrol, vixente campión, será o que actúe como local diante do Durán Maquinaria Ensino, o Celta Femxa Zorka e o Sparking Truth Maristas Coruña.
Os equipos seguen a reforzarse
De cara a unha temporada tan esixente os equipos galegos seguen a reforzarse. O Leyma Coruña e o Monbús Obradoiro apuntalaron o xogo interior. George Conditt, internacional con Puerto Rico, xogará a vindeira campaña no cadro coruñés. Un pívot de 211 centímetros e 25 anos que coñece a ACB despois do seu paso por Gran Canaria na campaña 24-25.
O equipo santiagués apostou pola contratación de Alonso Faure, un xogador de 24 anos, 208 e que cubre un dos "cupos" necesarios para completar o plantel. O ano pasado estivo xogando en Oviedo na Primeira FEB onde promediou 7'7 puntos e 5'5 rebotes en 18 minutos.