Ouro de Toimil e bronce de Osorio para rematar os campionatos de España con sete metais
Adrián Ben e a cubana afincada na Coruña Yulenmis Aguilar tamén se proclaman campións
Antía Chamosa foi prata nos 10 km marcha, con Aldara Meilán bronce
Pedro Osorio e Dani Chamosa completaron o medalleiro galego con senllos bronces
Foto: @atletismoRFEA
Remataron os campionatos de España de Atletismo en Málaga. E fixérono cunha xornada vespertina do domingo na que caeron os dous últimos metais para a delegación galega. Belén Toimil non cede no seu dominio incontestable no lanzamento de peso. A mugardesa acadou o seu décimo terceiro ouro, cun lanzamento de 16,67 m.
Pedro Osorio, coa súa medalla de bronce / Foto: @atletismoRFEA
Pola súa banda, Pedro Osorio fíxose co bronce na final dos 800 metros. Marcou un tempo de 1:47.35, seis décimas máis que David Barroso, que gañou o ouro. Mohamed Attaoui acadou a prata.
Estas dúas preseas engádense as cinco que xa colleitaran os atletas galegos. Adrián Ben revalidou pola mañá o seu título de campión de España nos 1.500, e a cubana afincada na Coruña Yulenmis Aguilar acadou o ouro no lanzamento de xavelina.
Na xornada do sábado houbo dúas medallas nos 10 km marcha. Foron a prata de Antía Chamosa e o bronce de Aldara Meilán. Na proba masculina abrira o medalleiro Dani Chamosa, tamén co bronce.