Unha cámara detectará os condutores que salten un stop ou unha liña continua
Saltar un Stop implica unha multa de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir
A falta de respecto da liña continua é unha das causas das colisións laterais

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) empezou a probar dous sistemas de vixilancia mediante cámara para detectar os condutores que salten os sinais de Stop en cruces e os que non respecten a liña continua nas incorporacións, dúas situacións que implican un elevado risco de accidente.
Un total de 1.093 condutores implicados en accidentes con vítimas non respectara un stop. É unha das infraccións máis habituais, por detrás das de exceso de velocidade, non manter a distancia de seguridade, non respectar unha regulación de prioridade ou invadir parcialmente o sentido contrario.
O proxecto piloto implantado pola DXT para a vixilancia dos cruzamentos con sinais de stop detecta de forma automática a correcta actuación ante este sinal (hai que deterse sempre) e sanciona, tamén de forma automática, o seu incumprimento.
Unha cámara de vídeo grava e envía permanentemente o achegamento dos vehículos ao cruzamento sinalizado cun stop. O sistema está calibrado para detectar se o vehículo para totalmente ou non.
En caso de non respectar o sinal, o vídeo é enviado ao Centro de tratamento de Denuncias Automatizadas, que, con esas probas, tramitará o expediente de sanción correspondente.
Saltar un stop carrexa unha multa de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir.
A falta de respecto da liña continua é unha das causas das colisións laterais, outro accidente cada vez máis habitual. Para vixiala, a DXT xa proba tamén un sistema combinado de dúas cámaras. Unha delas le as matrículas dos vehículos que circulen polo carril de incorporación, e a outra, situada máis adiante, grava os que circulan pola vía a que van incorporarse.
O sistema compara as matrículas gravadas e se detecta un vehículo que, tras circular polo tramo de incorporación, entra na vía principal antes de terminar a liña continua, será sancionado a través tamén do Centro de Tratamento de Denuncias Automatizadas.
Desde hai anos xa se aplican sistemas similares para controlar o uso do cinto.