A DXT lanza unha campaña para promover os sistemas ARAS entre os motoristas
A sinistralidade entre motoristas crece malia representar só o 3% da mobilidade motorizada
Coa chegada do bo tempo, o número de motoristas aumenta exponencialmente. Nótase de maneira máis evidente en lugares como Galicia, e sobre todo durante as fins de semana ou vacacións.
Álvaro Gómez, director do Observatorio de Seguridade Viaria da DXT di que os motoristas representan menos do 3% da mobilidade motorizada e un 15% do parque de vehículos, pero son un 25% dos falecementos e un 31% das hospitalizacións
Esta preocupación foi manifestada na presentación da campaña divulgativa dos novos sistemas avanzados de axuda á condución en motocicleta ARAS (Advanced Ryder Assistance Systems).
Trátase dunha iniciativa informativa lanzada pola DXT, a Asociación Nacional de Empresas do Sector de las Dos Ruedas (Anesdor) e a Fundación Mapfre cunha guía e dez vídeos para achegar a tecnoloxía ARAS aos motoristas que se poderán ver en web e redes sociais destas tres organizacións.
Se ben as cifras de sinistralidade debuxan unha liña á baixa dende hai décadas, o certo é que o ano pasado rexistrouse o balance máis tráxico dos últimos 6 anos. Parte dese cambio de tendencia explícase polo feito de que está custando reducir a sinistralidade entre os motoristas.
O ano pasado perderon a vida en España case 300, 16 deles na nosa comunidade. A DXT insiste nesta nova campaña e na importancia de coñecer os sistemas ARAS de axuda á condución de motos.
Sistemas baseados en tecnoloxía e electrónica, que pese a non seren obrigatorios si están cada vez máis presentes no mercado.