Morre o condutor dunha moto ao chocar contra un coche en Rianxo
A vítima, de 38 anos, bateu contra o turismo canto este realizaba unha manobra de xiro
Un home de 38 anos que conducía unha motocicleta morreu este xoves ao bater contra un coche en Rianxo, á altura do quilómetro 2,5 da estrada DP-7202, segundo a información facilitada pola central que coordina a atención ás emerxencias que se producen en Galicia.
O sinistro que lle custou a vida produciuse sobre as dez e media da noite, cando a motocicleta que a vítima pilotaba chocou contra o turismo, cuxo condutor estaba a realizar unha manobra de xiro.
Foi un particular o que contactou co 112, que deu traslado á Policía Local, Protección Civil, Bombeiros de Boiro, Garda Civil e Urxencias Sanitarias.
"Cando chegamos estaban os sanitarios facéndolle as manobras de reanimación cardiopulmonar ao condutor da motocicleta, pero pasados uns minutos o médico certificou o falecemento. O noso traballo consistiu en agardar os axentes de atestados para que fixesen as dilixencias e tamén o levantamento do cadáver. Logo nós limpamos a zona", explica Francisco Sampedro Pérez, sarxento do Parque de Bombeiros de Boiro.
O falecido era un rianxeiro de 38 anos. Os ocupantes do vehículo, tamén da zona, non precisaron asistencia sanitaria. O sinistro, cuxas causas se investigan, bloqueou temporalmente a circulación no carril afectado, onde aínda quedan algúns restos.
A de onte foi unha xornada tráxica nas estradas galegas. Horas antes do accidente de Rianxo, outro motorista de 27 anos falecía en Lugo despois de bater cunha varanda de protección da nacional VI.