Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ribadumia acolle a XIII Concentración Moteira Trasnos do Salnés

Ribadumia acolle a XIII Concentración Moteira Trasnos do Salnés

O encontro reúne arredor de 3.500 motoristas no concello pontevedrés

G24.gal 05/07/2025 20:51

Ribadumia converteuse nun ruxir de motores. A décimo terceira concentración moteira Trasnos do Salnés reuniu neste concello de Pontevedra arredor de 3.500 motoristas.

"Temos xente de Portugal, de León, de Lugo, da Coruña, de Benavente, de Sevilla... É unha concentración libre e aberta a todo tipo de público e de motos", explica Bruno Cores, da asociación Trasnos do Salnés, organizadora do encontro.

Os participantes coinciden en que o mundo da moto é unha afección adictiva.

"A primeira vez que montei nunha moto xa me namorei delas e desde aquela xa non toco o coche para nada", afirma un rapaz.

"Tes liberdade, vives a estrada, con sentido, claro, porque sen sentido non valería de nada", apunta outro amante das motocicletas.

"Énchete de vida. É o concepto máis completo: o mundo da moto é vida", asegura unha moteira.

Neste encontro visualizamos máis homes ca mulleres, pero a presenza feminina vai gañando terreo.

"Cada vez hai máis mulleres moteiras. No noso motoclub, eu son do Fojeteiros de Narón, vexo cada vez máis compañeiras que se animan a conducir elas mesmas as motos", subliña unha afeccionada.

Acudir a concentracións coma esta, asegúrannos os participantes, é un xeito de compartir unha paixón común.

"Vir ás concentracións de motos é encontrarte con xente coa mesma paixón e ver moitas motos de diferentes estilos, vellas, novas. Para os que nos gusta isto é moito", asevera un motorista.

"Fas moitos amigos e coñeces moitas zonas. No meu caso se non fose pola moto nos as coñecería. A min móveme o mundo da moto", mantén outro.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade