Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren dous motoristas en senllos accidentes en Riós e Ortigueira

Morren dous motoristas en senllos accidentes en Riós e Ortigueira

O accidente de Riós tivo lugar ao bater contra un turismo na A-52; o sinistro provocou importantes retencións

O segundo motorista faleceu no quilómetro 49 da AC-862, en Ortigueira, tamén logo de colidir con outro vehículo

Sete falecidos e cinco feridos nas estradas españolas esta primeira fin de semana de xullo
 

Imaxe da cámara da DXT no lugar do sinistro
G24.gal 06/07/2025 17:58

Un motorista perdeu a vida este domingo en Riós ao bater coa súa motocicleta contra un turismo. Ocorreu no quilómetro 143 da A-52, en sentido Madrid, pasadas as cinco da tarde. Foi tal o impacto que a moto quedou partida en tres partes. 

 

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 e da Garda Civil de Tráfico. O sinistro provocou importantes retencións.

Outro morto en Ortigueira

Un motorista perdeu a vida este domingo o colidir contra un coche en Ortigueira. 

O accidente sucedeu minutos antes das dúas da tarde en Cuíña, nun tramo recto, con boa visibilidade. O motorista, veciño da parroquia de Senra, circulaba en dirección Ferrol, e bateu contra un turismo que realizaba unha manobra de cambio de sentido, a escasos metros da base da Policía Local e do GES de Ortigueira.

Os efectivos mobilizados por Emerxencias chegaron de contado, incluídos os sanitarios, que nada puideron facer pola vítima.

No coche viaxaban dous veraneantes que saíron ilesos. O equipo de atestados da Garda Civil tomoulles declaración no mesmo lugar do sinistro. Un dos carrís da estrada permaneceu pechado ao tráfico ata pouco antes das cinco da tarde, cando se liberou a vía dos dous vehículos implicados no choque e os bombeiros remataron de retirar os restos que quedaron esparexidos polo asfalto.

A investigación aberta pola Garda Civil tratará de determinar as circunstancias en que se produciu a fatal colisión.

 

 

Lugar do sinistro en Ortigueira Lugar do sinistro en Ortigueira

Desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Ortigueira, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Os medios acudiron ata o punto, no quilómetro 49 da AC-862, pero só puideron confirmar o falecemento do motorista.

Sete mortos nas estradas españolas

Contando estas dúas vítimas en Galicia, sete persoas faleceron e outras cinco resultaron feridas en sete accidentes rexistrados esta fin de semana nas estradas españolas, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Estes datos refírense ao período entre as 15:00 horas do venres, día no que a DXT activou a primeira operación saída do verán, ata as 20:00 deste domingo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade