Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a vixésimo quinta edición do Arde Lucus con máis música e espectáculos ca nunca

Comeza a vixésimo quinta edición do Arde Lucus con máis música e espectáculos ca nunca

Os hoteis da cidade rexistran un cheo absoluto

G24.gal 18/06/2026 22:43 Última actualización 18/06/2026 23:46

As lexións romanas invadiron este xoves a cidade de Lugo, inaugurando a vixésimo quinta edición do Arde Lucus.

Vodas de prata con cheo hostaleiro absoluto.

O 25 aniversario das festas chega cun programa algo máis amplo no que figura máis música e máis espectáculos de rúa. Os días fortes volverán ser o sábado e o domingo, con programación desde primeira hora da mañá, mentres que o venres será só pola tarde.

O encargado de pechar os actos será Abraham Cupeiro, que ofrecerá o día 21 un concerto especial na Praza de Santa María. A música terá tamén un papel protagonista coa actuación de Celtica Pipes Rock!, unha formación europea coñecida por combinar gaitas con rock e metal sinfónico nun espectáculo acompañado de efectos visuais e pirotecnia.

A eles sumarase Grimorium, compañía especializada en ambientacións medievais e fantásticas que fusiona música en directo, interpretación e animación escénica.

Outra das grandes novidades é a ampliación do Circo Romano. Ante a crecente demanda de público e asociacións participantes, a organización decidiu incorporar tres representacións: unha sesión de tarde e un espectáculo nocturno o sábado e unha función dirixida especificamente ao público infantil o domingo.

Entre os actos máis destacados figuran a chegada das lexións romanas e o acendido do lume sagrado de Vesta; a Asemblea Galaica e a declaración de guerra; a recepción de tropas e tribos estranxeiras; o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas arredor da muralla; o nacemento dun pobo galaico-romano; os bautismos e vodas celtas; as sesións do Senado; o asalto ao Monte Medulio; as loitas de gladiadores e o apagado do lume sagrado, que porá o broche final á celebración o domingo pola noite.

Aumenta a actividade na rúa con música, percusión, teatro e os espectáculos itinerantes da man de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie e Trip Malabar.

Outros dos cambios son a reubicación dos postos de venda, que pasan a situarse na rúa da Raíña, ou o cambio do desfile dos escolares, que se realizará o domingo pola mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade