Aurigas e gladiadores amosan as súas destrezas no Circus Máximus, dentro do programa do Arde Lucus
A pesar da calor o espectáculo dos loitadores sobre a area volve atraer a numeroso público
As actividades inclúen este ano por vez primeira unha sesión nocturna de circo
O Circus Máximus é un dos espectáculos máis agardados dentro do programa do Arde Lucus. O público non recelou de instalarse no graderío, baixo o sol, a pesar da calor.
En varias ocasións os bombeiros arrefriaron o lugar para facer máis soportable o espectáculo. Sobre a area, todo un dispositivo de habilidades de loita.
Primeiro, gladiadores a cabalo amosaron o manexo da espada. Tiveron que cortar unha sandia, atravesar un aro de lume e guindar unha lanza con fogo. Tamén houbo carreira de bigas, un espectáculo que sempre enche o aforo do circo.
O circo volve esta mesma noite, cunha sesión nocturna na que o protagonismo está no lume e as luces.
Xa mañá domingo serán os escolares os que tomen a ronda da muralla a partir das doce e media, e pouco máis tarde as tribus castrexas terán que facer fronte a incursións no seu campamento.
Paralelamente continúan as representacións en varias localizacións do casco histórico. Toda unha festa, con máis de trescentas actividades, que amosa a convivencia entre castrexos e romanos.