Transmitir a memoria dos oficios para adaptalos aos novos tempos
Varios obradoiros recuperan profesións tradicionais para axuntar pasado e futuro
En Portomarín, ensinan os segredos da fabricación dos zocos e as súas posibles evolucións
Zoqueiros, redeiras, xoieiros son algúns dos oficios tradicionais que tentan pervivir diante da globalización manufactureira. Desta vez en Portomarín, mestres artesáns tratan de transmitir os coñecementos herdados dos devanceiros ás novas xeracións, para conservalos e adaptalos aos novos tempos.
"Que se familiaricen con facer un zoco pero tamén o que supón o zoco na nosa historia e tradición. E tentar que algo que está practicamente morto que haxa unha xeración que tente seguir co tema", conta Eva María Carreira, artesá e zoqueira.
Unha ducia de alumnos atendían aos coñecementos sobre o tratamento das peles e a elaboración das zocas herdados a través de xeracións de artesáns para tratar de reintroducilos en pleno século XXI.
"Sempre se falou na casa dos zocos e como se facían, e é por ver un pouco como se fan e saber algo máis por se nun futuro poder traballar disto", comenta un dos participantes.
Este obradoiro integráse na Rede Galega de Oficios Vivos, unha iniciativa da Xunta que percorrerá vinte concellos galegos para transmitir á xente máis nova o coñecemento de mestres artesáns sobre o coiro, a xoeiría, o curtido e a cestería, entre outros.
"Quen di un zoco di unha redeira, unha pandeireta. É algo da nosa historia que axudounos no seu día a ser o que somos hoxe e debemos de mantelo. Queremos que perdure e que siga con nós", confesa a artesá Eva María Carreira.
Coñecer e valorar o pasado, pero tamén melloralo e potencialo con vistas ás xeracións vindeiras constítúe un dos xeitos de asegurar o futuro sen esquecer a tradición.