O Arde Lucus volve encher de visitantes a capital lucense
As rúas do centro convértense no escenario destes festexos que recrean a época da fundación de Lugo, cando romanos e castrexos convivían
A música dos tambores das agrupacións de recreación histórica conforma a banda sonora de Lugo esta fin de semana. A cidade réndese a romanos e castrexos. Hai boa convivencia, pero, ás veces, tamén enfrontamentos.
A recreación do que puido ser o pasado de Lugo é o que inspira a esta festa, que conta coa complicidade das asociacións.
Fai 25 anos do Arde Lucus, unha Festa de Interese Turístico Internacional xa consolidada que enche a cidade de visitantes. Comenta unha traballadora dun hotel do centro de Lugo que "estas datas son como San Froilán, con todo cheo".
Pola tarde continuaron os desfiles polas rúas do centro e a loita de gladiadores. Houbo circo e a posibilidade de participar en bautizos e vodas polo rito celta e ser testemuña do asalto ao monte Medulio.
A ronda da Muralla acolleu o desfile de tropas romanas e tribus castrexas. Unha festa para gozar na rúa.