Ferida grave unha muller de 48 anos nunha colisión frontal entre un coche e un camión en Pontevedra
O accidente tivo lugar na N-550, á altura da parroquia de Salcedo
A muller, a condutora do turismo, tivo que ser liberada polos bombeiros
Estado en que quedou o coche sinistrado. Garda Civil.
Unha muller, de 48 anos de idade e veciña de Poio, quedou ferida moi grave nun accidente en que bateron frontalmente un turismo e un camión na estrada N-550, á altura da parroquia pontevedresa de Salcedo.
O sinistro rexistrouse sobre as 13.45 horas no quilómetro 127, segundo informou o 112 Galicia.
A ferida, a condutora do turismo, tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Pontevedra ao quedar atrapada no interior do coche, que quedou totalmente esmagado polo impacto. Foi traslada ao hospital por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A Garda Civil, que investiga as causas do accidente, informou de que o prognóstico da muller é moi grave. O home que conducía o camión articulado, pola súa banda, resultou ileso.
O accidente, que se produciu nunha hora punta para circular pola N-550, unha das principais entradas a Pontevedra, produciu longas retencións.