Once feridos no incendio dun edificio na Coruña que puido orixinarse nun patinete eléctrico
A orixe do lume puido comezar nun patinete eléctrico
O incendio produciuse arredor das dúas desta madrugada nun inmoble situado na rúa Nicomedes-Pastor Díaz, na cidade da Coruña.
A orixe do incendio estaba no primeiro piso, onde resultaron calcinados dous cuartos e o fume causou danos por toda a vivenda.
As chamadas ao 112 Galicia sucedéronse despois dun primeiro aviso, que permitiu localizar a emerxencia e activar os protocolos para a mobilización dos recursos necesarios; Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros da Coruña, Policía Local e Policía Nacional.
No interior do piso afectado atopábanse varias persoas, como tamén no resto do edificio, polo que procedeuse ao desaloxo preventivo mentres duraron as tarefas de extinción.
Con todo, o fume estendíase rápido polo edificio e once persoas resultaron afectadas e trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Dous delas foron ingresadas na Unidade de Queimados con intoxicación por inhalación de fume e feridas de diversa consideracion. As outras nove están a ser atendidas na Unidade de Observación do servizo de Urxencias, aínda pendentes de evolución. O prognóstico de todos os afectados é reservado.
Pola súa banda, os bombeiros remataron a extinción do incendio, que, explicaron, puido comezar nun patinete eléctrico.
Arredor das seis desta madrugada, as persoas desaloxadas puideron volver ás súas vivendas.