A praia viguesa de Bouzas acolle a campaña solidaria "Móllate pola esclerose"
A iniciativa, que comezou no ano 1994 en Cataluña, ten lugar en 900 areais de todo o estado español
Pretende achegar á poboación as características da doenza e recadar fondos para as persoas afectadas
A asociación de esclerose múltiple de Pontevedra celebrou este domingo en Bouzas a oitava edición da campaña solidaria "Móllate pola Esclerose".
A iniciativa, que comezou no ano 1994 en Cataluña, ten lugar en 900 praias de todo o estado español co fin de achegar á rúa esta doenza e recadar fondos para as persoas afectadas.
Jorge Villar Loureiro foi diagnosticado de esclerose múltiple no ano 2009. Este camiño de dezaseis anos fíxoo da man da Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra, AVEMPO.
Neste día da campaña "Móllate pola esclerose" a asociación montou unha carpa informativa na praia do Adro, en Bouzas, para divulgar o que é vivir con esta doenza que afecta a más de 3.700 persoas en Galicia e unhas 55.000 en España.
"A asociación é un libro aberto para entender o que che pasa, para entender a enfermidade, que por desgracia é a enfermidade das mil caras", conta a TVG Jorge Villar, membro de AVEMPO ao que lle diagnosticaron a esclerose múltiple en 2009.
"Para nós, é un día de felicidade absoluta. Máis aló da recadación de fondos, da divulgación, ao final acaba superado porque estamos felices de estar hoxe aquí todos xuntos por querernos, porque ao final a asociación é unha segunda familia", explica Belén Ferreira, a secretaria de AVEMPO.
Este acto celébrase para divulgar, para contar que a esclerose múltiple é unha enfermidade crónica, autoinmune e dexenerativa que aínda non ten cura.
"Por desgraza pasei por infinidade de tratamentos que foron funcionando. E logo a enfermidade dá un pasiño máis e había que cambiar de tratamento. Pero grazas a que se investiga, sempre vai aparecendo un tratamento novo", engade Jorge.
"Móllate pola esclerose múltiple" organizou actividades deportivas, de ocio e culturais durante todo o día.