Peregrinos andaluces percorren o Camiño para dar visibilidade á ELA
Partiron da catedral de Sevilla e percorreron a Vía da Prata durante varias fins de semana
Foron recibidos pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García
Un grupo duns 30 peregrinos andaluces completou a Vía da Prata do Camiño de Santiago para dar visibilidade á esclerose lateral amiotrófica, a ELA. Fixérono para recadar fondos para a asociación Hoy camino por ti. Á chegada, os participantes foron recibidos pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen lles transmitiu os seus parabéns polo seu compromiso solidario.
Comezaron o camiño na catedral de Sevilla e foron facendo as etapas durante varias fins de semana.
Fabiola García, que felicitou a Hoy camino por ti polo seu compromiso coa ELA, destacou a importancia de dar visibilidade a esta enfermidade, ao tempo que lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha axuda directa de ata 12.000 euros ao ano para que as persoas que teñan diagnosticada esta doenza poidan facer fronte aos diferentes gastos asociados. Neste sentido, destacou que a convocatoria deste ano está aberta ata o vindeiro 3 de novembro.