Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sensoxenoma 2025 terá mochilas con sensores para medir os efectos da música en persoas con xordeira profunda

Sensoxenoma 2025 terá mochilas con sensores para medir os efectos da música en persoas con xordeira profunda

O estudo xa xerou 10 publicacións científicas e verifica o impacto da música nos xenes, as proteínas e a microbiota bucal

A investigación do IDIS estuda o impacto da música sobre a bioloxía humana
G24.gal 16/09/2025 14:57 Última actualización 16/09/2025 18:33

A investigación do IDIS que estuda o impacto da música sobre a bioloxía humana, Sensoxenoma, volve aos escenarios do Auditorio de Galicia o 3 de outubro.

Ese día recolleranse entre o público as mostras para analizar. Ademais de sangue, saliva e bágoas este ano van usar mochilas con sensores para que as persoas con xordeira profunda poidan sentir a música. 

Tras o evocador repertorio de 2024, en que usaron bandas sonoras da historia do cine, a Real Filharmonía volverá dar a sorpresa. Só sabemos que haberá unha parte do concerto que busca calma e outra media hora máis festiva. 

Sensoxenoma, premio nacional de investigación innovadora, volve este 2025 con máis música, despois de acumular xa 10 publicacións científicas. Xa demostraron que as melodías modifican xenes, proteínas e tamén a microbiota bucal, onde moitas investigacións sobre o alzhéimer ou o autismo xa poñían o foco desde hai anos.

"As bacterias non escoitan música, pero si que conviven nun ecosistema e ese ecosistema é o que mantén ese equilibrio", dixo Antonio Salas investigador principal do Proxecto Sensoxenoma.

Este estudo sobre como a música impacta a nivel molecular conta coa colaboración das asociacións de pacientes de distintas patoloxías.

"Este ano temos oito mochilas vibratorias para que oito persoas con xordeira profunda poidan participar no concerto", anunciou Laura Navarro, a coordinadora do proxecto.

O equipo de Martinón e Salas demostrou que o efecto da música nas rutas moleculares vai no sentido oposto á enfermidade.

 "A música xa era boa antes de que nos comezásemos a investigación. O que tentamos é entendelo mellor para poder usar isto dun xeito dirixido e mesmo, a partir desas rutas moleculares, reposicionar fármacos ou xerar posibilidades terapéuticas", declarou Federico Martinón, investigador principal do Proxecto Sensoxenoma.

Para iso, insisten, queda tempo, traballo e cómpre financiamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade