Cuadriplica taxa de alcol e dá positivo en cocaína ao estrelarse en Ferrol o día que suspende o exame de conducir
Cuadriplica taxa de alcol e dá positivo en cocaína ao estrelarse en Ferrol o día que suspende o exame de conducir
O vehículo que conducía saíu da vía e acabou enriba dun muro de protección
Malia a aparatosidade do sinistro non houbo feridos
Un aparatoso accidente de circulación na rotonda do Sino, na estrada FE-15, no municipio de Ferrol, saldouse na tarde deste martes cunha condutora, menor de 40 anos, investigada por múltiples delitos contra a seguridade viaria na mesma xornada na que suspendera o exame de conducir.
Suspendeu o carné de conducir pola mañá e, unha de dúas, ou moito lle afectou ou pouco lle importou porque colleu o coche dun familiar á tarde e a correr. Cando quixo entrar na rotonda do Sino, un dos accesos á autoestrada, freou na medianeira. Aínda menos mal.
"Hai xente que conduce sen carné e a verdade é que a xente non ten moita conciencia da perigosidade que pode ter iso para un mesmo e para os demais tamén", advirte Pablo Pérez, presidente da Federación Galega de Autoescolas.
Primeira infracción de tres. A segunda, positivo en alcol. A proba de alcoholemia, practicada por axentes da Policía Local de Ferrol, deu un resultado de 1,06 mg/l en aire expirado, o que supón máis de catro veces o límite legal permitido (0,25 mg/l) e supera amplamente o limiar do delito penal.
"Cuadriplicaba a taxa. É unha auténtica barbaridade porque non estás en absoluto en condicións de conducir e menos unha persoa que non conduce habitualmente e que non ten uns automatismos que xa temos os demais e que, a pesar de que os teñas, estás incapacitado para conducir", asegura o instrutor de autoescola.
E a maiores, cocaína. Tremenda viaxe.
"É un cóctel que se dá habitualmente. De feito, hai anos o que máis había eran taxas de alcoholemia e agora estase dando moito outro tipo de substancias, de xente que consume haxíx e xente que consume cocaína", advirte Pérez.
É a causa máis estendida de perda de puntos. Nos cursos de recuperación, botan as mans á cabeza co que lles chega alí.
"Ultimamente o que se ve é xente que vén bastante prexudicada. Nos cursos temos descansos de 15 minutos e cando chegas á primeira hora, tes aos alumnos ben, como teñen que estar, e neses quince minutos, cando veñen de volta, hai algún que non dá subido as escaleiras", afirma Blanca Castro, formadora no Centro de Recuperación de Puntos.
"Hai casos que teñen o permiso retirado por algunha infracción e veñen facer o exame no seu coche, malia que non poden conducir e iso conleva outra infración a maiores", confirma o presidente das autoescolas galegas.
O vehículo implicado, que é propiedade dun familiar do condutor, tivo que ser asistido tras quedar bloqueado sobre a estrutura de seguridade da rotonda. A Policía Local de Ferrol instruíu as dilixencias correspondentes polos presuntos delitos de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e drogas, ademais de carecer de carné de conducir.
Son delitos graves. No caso da muller de Ferrol, que non chega aos 40 anos, delito penal. Á espera da decisión da xustiza, podería quedar inhabilitada para conducir durante un tempo, antes incluso de colgar o L.