O Día Mundial do Turismo marca como obxectivo a sostibilidade social
A ONU inisiste en que o desenvolvemento económico debe ir unido ao respecto polas comunidades de destino
Galicia crece en visitantes, facturación e desestacionalización
Baixo o lema "Turismo e transformación sostible", a ONU pon en valor as posibilidades de crecemento que ofrece este sector.
Non repara só no desenvolvemento económico senón que entende que o turismo debe ser un acelerador do progreso social, planificado de xeito inclusivo e respectuoso coas comunidades onde se desenvolve. Galicia está, segundo o sector e a Administración, nese camiño.
"Crecemos en pernoctacións, en facturación, o Camiño está funcionando, o turismo está funcionando e aínda queda outubro. Estamos na Costa da Morte e o Camiño dos Faros tamén representa un volume importante. E xa temos un cliente que pide máis sostibilidade. Desde o clúster traballamos para conseguir maior internacionalización e desestacionalización", explica Jesús Ángel Picallo Santos, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia
"Un dos elementos máis sostibles que atrae visitantes e peregrinos é o Camiño de Santiago. Practicamente este ano van entrar 500.000 peregrinos a pé e van recibir a Compostela", asegura Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia.
O turismo crece na costa e tamén no interior, con programas como o Bono turístico ou o Outono Gastronómico e co recoñecemento de quen nos visita. Os viaxeiros nacionais foron os que máis nos visitaron, fundamentalmente no verán, pero o aumento dos visitantes internacionais continúa, cunha presenza moi notable no Camiño.