Aumenta en Galicia a oferta de voos chárter
Galicia perde frecuencias e destinos en aeroliñas regulares, pero gaña en viaxes organizadas a lugares antes impensables
A desvantaxe dos chárter é que só saen en datas concretas ás que hai que adaptarse
A anunciada desbandada de Ryanair deixa orfos os aeroportos galegos. Van diminuír as frecuencias e os destinos habituais. Con todo, non está todo perdido. Os tourperadores e grosistas están empezando aproveitar ese baleiro e a ofertar máis voos chárter a máis destinos.
"Contamos con esa gran vantaxe que é ter a dispoñibilidade de ter un voo directo pois a Noruega, ou a Uzbequistán, dende Santiago que é algo inviable e impensable, non?", explica Azucena Martínez, xefa de reservas en Infinita Viaxes.
"Os voos chárter adoitan ser a destinos en que non hai voos de liña regular, entón máis posibilidades de voar en voo directo dende Galicia e logo que non son flutuantes as tarifas", apunta Pedro Rodríguez, director da oficina de Santiago de Nautalia Viaxes.
Sicilia, Escocia, Venecia, Cracovia, Laponia ou Cabo Verde son algúns dos destinos dispoñibles, pero só en datas puntuais. Son viaxes organizadas con voos e hoteis, pero cada vez máis flexibles.
"Ti podes facer un circuíto, avión, hotel, traslados e visitas ou podes facer só avión, traslados e hotel e logo moverte ti pola túa conta", engade Pedro.
O acompañamento dende a saída é para moitos outra vantaxe
"A xente vai encantada, xa vas con outra confianza porque sabes que tes a alguén sempre contigo", indica Azucena.
"Sobre todo cando vas a un destino en que igual hai un choque cultural ou de idioma ou tal", insisten dende Nautalia Viaxes
E o prezo?
"A máis tempo mires pois podes sendo o mesmo destino conseguir as mellores tarifas na liña regular e canto máis enriba da data chárter, mellor prezo con chárter".
A principal desvantaxe dos chárter é que so saen en datas concretas, así que non queda outra que adaptar as vacacións ás ofertas das axencias.