Galicia pon en marcha un proxecto pioneiro sobre as terapias de dexeneración macular
Nese proxecto o Servizo Galego de Saúde vai contar coa colaboración de Roche Pharma Internacional
O presidente da Xunta reuniuse co director executivo de Roche Pharma Internacional, Padraic Ward, e co director xeral de Roche Farma España, Patrick Wallach
A dexeneración macular asociada á idade é unha enfermidade que afecta a máis de 40.000 persoas en Galicia
Esta semana reuníanse o presidente da Xunta e o director executivo de Roche Pharma Internacional. Nese encontro abordaron a posta en marcha dun proxecto pioneiro para medir o impacto real das terapias innovadoras en pacientes con dexeneración macular.
Esta colaboración suporá a aplicación de novas ferramentas dixitais para medir os resultados de saúde e o efecto dos tratamentos na vida dos pacientes.
"Traballando desde as fases máis temperás a detección precoz, da prevención, da diagnose, do tratamento, a rehabilitación se é necesaria... chegar ao tratamento coas terapias innovadoras e ver como estas terapias afectan ou melloran a calidade de vida dos nosos maiores galegos, pero a calidade de vida enfocada non só desde o punto de vista clínico, como estamos facendo agora, senón tamén desde o punto de vista do que son os fluxos asistenciais entre atención primaria e atención hospitalaria", destaca Alfredo José Silva Tojo, director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
A dexeneración macular asociada á idade é unha enfermidade que afecta a máis de 40.000 persoas en Galicia. Ten unha incidencia de preto do 13% na poboación galega. É a principal causa de cegueira en maiores de 65 anos.
"Loxicamente este é un problema de saúde que condiciona moito a vida das persoas maiores e temos que ver como o noso sistema é capaz de mellorar e optimizar todo o que son os recursos, tendo en conta todo o que é a perspectiva social deste problema saúde", engade.
O acordo estratéxico entre a Xunta e Roche Fharma Internacional contribuirá, ademais, a fortalecer as capacidades dos hospitais públicos galegos en investigación clínica oftalmolóxica.
"Galicia, desde hai preto de 20 anos, conta cunha historia clínica moi potente, que é transversal a todos os ámbitos da saúde. Esta historia clínica permítenos recoller desde hai moi tempo moitos datos. Temos na Cidade da Cultura un data 'lake' con miles de millóns de datos. O que toca agora é facer unha avaliación pormenorizara, estruturada e integrada dentro da nosa historia do que son todos estes datos establecendo cuestionarios específicos, que xa hai no mundo, pero adaptados á nosa poboación galega e establecer indicadores de saúde que nos axuden a mellorar todo o proceso asistencial a través da investigación en todas as fases", asevera o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
O acordo tamén abre a porta á posible realización no futuro de cribados poboacionais con ferramentas de intelixencia artificial.
