A veciñanza de Buño esixe actuacións contra a inseguridade viaria
Denuncian que os coches atravesan a localidade a velocidade excesiva
A seguridade viaria é motivo de preocupación en Buño, onde denuncian que moitos vehículos circulan con exceso de velocidade, poñendo en risco a integridade da veciñanza.
Ao cruceiro da localidade malpicá fáltalle a cruz desde hai unha semana. A ausencia é consecuencia do último accidente rexistrado na localidade, que rematou cun coche subido sobre a base do monumento relixioso. A escasos metros hai un paso de peóns que non garante a seguridade dos viandantes porque moitos coches non o respectan.
Hai máis dun ano que a asociación de veciños puxo a situación en coñecemento do goberno local, que se comprometeu a aumentar a vixilancia policial e a estudar outras medidas para acabar coas condutas temerarias. Porén, asegura o colectivo veciñal, polo momento nada fixo. Denuncian tamén a celebración de carreiras ilegais á altura do centro de saúde.