Atropelado un mozo en Boiro por un vehículo que continuou a marcha
Testemuñas do accidente din que o coche que o atropelou continuou a marcha, informa o 112
Un veciño alertou posteriormente da presenza dun coche cun golpe no parabrisas preto do cemiterio da localidade
Un mozo resultou atropelado no centro urbano de Boiro por un turismo que, segundo testemuñas do accidente, continuou a marcha, informa Emerxencias 112.
Pouco despois do accidente, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para alertar da presenza dun coche cun golpe no parabrisas preto do cemiterio da localidade.
Con esta información, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia dirixíronse aos axentes da Policía Local de Boiro.
O suceso produciuse apenas uns minutos despois das once da noite de onte sábado nun paso de peóns diante da Casa do concello. Concretamente, na rúa Principal de Boiro, por onde pasa a estrada comarcal AC-305.
Segundo a mesma fonte, varias persoas foron testemuñas do atropelo e mesmo indicaron a posibilidade de que o ferido estivese inconsciente.
Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron unha dotación ao lugar do accidente e posteriormente trasladaron ao ferido ao Hospital do Barbanza.
Os axentes da Policía Local investigan os feitos, xa que todas as testemuñas coincidían na marcha do condutor do vehículo.