Unha peregrina morre ao caer por un noiro duns 30 metros en Mondoñedo
Trátase dunha moza alemá que se precipitou coa bicicleta ao trazar unha curva á altura do lugar de Maariz, moi preto do Camiño Norte
Unha peregrina alemá morreu cando estaba a percorrer o Camiño Norte en Mondoñedo. Tratábase dunha ciclista duns 30 anos que baixaba pola aldea de Maariz para retomar a propia ruta xacobea. Cando a piques de chegar, nunha curva precipitouse coa bicicleta por un noiro duns 30 metros de altura. Daquela acudiron ata o lugar os servizos de emerxencias, que nada puideron facer para lle salvar a vida.
"Nós mobilizamos un taxi para levar o acompañante para Lugo canda ela. Veu o 061, obviamente, ademais dos bombeiros e da Garda Civil", sinala José Otero, responsable de Protección Civil de Mondoñedo.
Pola súa parte, os axentes fixeron as dilixencias oportunas a raíz do acontecido. Segundo a veciñanza, no momento do sinistro rexistrábase unha temperatura de preto de 40 graos.
"O que me estrañou é que baixaran da N-634 cara a Maariz, cando normalmente os peregrinos saen da igrexa mindoniense dos Remedios en dirección a Maariz. É unha estrada asfaltada, e non recordo que houbera por alí nunca accidente ningún. Non entendo o que lle puido pasar. Ou foi un golpe de calor ou deulle un infarto ou calquera cousa que fixo que se botase coa bicicleta fóra do sitio polo campo", lamenta Otero.
Unha vez avisada a familia da vítima, o cadáver foi enviado a Lugo para proceder á súa repatriación o antes posible.