Máis de 1.000 sanitarios reforzarán a atención no verán en Galicia, sobre todo nas zonas máis turísticas
Máis de 1.000 sanitarios reforzarán a atención no verán en Galicia, sobre todo nas zonas máis turísticas
O plan de reforzo da atención sanitaria da Xunta de Galicia para a tempada estival conta cun investimento de máis de 10 millóns de euros
"Convocamos ademais nas especialidades clave o cen por cen das prazas que se poden convocar", anunciou Alfonso Rueda
O Sergas ofrecerá ademais gardas voluntarias e cambios de centro de saúde temporais aos sanitarios
Galicia pon en marcha o plan para reforzar a atención sanitaria no verán nas zonas que reciben máis visitantes e, polo tanto, precisan máis persoal para cubrir as vacacións dos profesionais. O Sergas ofrecerá gardas voluntarias e cambios de centro de saúde temporais aos sanitarios.
A Xunta de Galicia vai investir máis de dez millóns de euros este ano. Para cubrir vacacións e baixas Sanidade anuncia a contratación de 234 médicos que acaban de rematar a formación MIR, que se acompañará doutras medidas. Anunciouno o xefe do Goberno galego logo do consello da Xunta deste luns.
"Imos contar cunha bolsa de preto de 1.050 profesionais sanitarios para cubrir de xeito voluntario, están anotados na bolsa, as gardas nos PAC. Tamén se dará opción de trasladarse a un centro de saúde onde sexa necesario un reforzo, especialmente aqueles situados nos lugares máis turístiscos", explicou Alfonso Rueda.
Alfonso Rueda anuncia tamén unha convocatoria de 725 prazas de formación sanitaria, é dicir, de MIR e os seus equivalentes para enfermaría ou psicoloxía, entre outras especialidades. Haberá 43 prazas máis que o ano pasado, o máximo que permite a lei.
"Convocamos ademais nas especialidades clave o cen por cen das prazas que se poden convocar: medicina de familia, 207 prazas; pediatría 27, matronas 20 e na nova especialidade de urxencias e emerxencias 24 prazas" , detallou o presidente da Xunta
Completan o listado, no ámbito da saúde mental, 20 en Psiquiatría; 17 en Psicoloxía clínica e 21 en Enfermería especializada.
Con estas medidas "vai garantir a cobertura das baixas e vacacións" e "compatibilizar a atención sanitaria co descanso dos profesionais", asegurou o presidente da Xunta. Rueda lembrou tamén que "o 90% das camas hospitalarias vai estar operativa".
Ademais, a Xunta aprobou un paquete de melloras laborais e retributivas para o persoal médico dos servizos de Urxencias hospitalarias, con incremento de 5 euros no valor da hora da xornada complementaria, unha subida que se aplicará de xeito progresivo, durante os anos 2026 e 2027, e con independencia de futuras subidas a nivel estatal.
E para protexer os maiores que viven en residencias, o Sergas iniciará nos próximos días unha nova campaña de vacinación fronte á pneumonía, á meninxite, á sepse ou ao herpes zóster.