Campaña da DXT para concienciar do perigo de usar o móbil ao volante
En 2024 foi a causa directa do 22% das mortes en accidentes nas estradas galegas
Durante toda a semana haberá controis en calquera tipo de vía
A DXT inicia mañá unha campaña especial para a vixilancia das distraccións ao volante, das que a máis habitual e perigosa é usar o móbil. Só en dez segundos pendentes do teléfono percorremos uns 300 metros desconectados da estrada.
E todo apunta a que seguimos sen entender de todo o risco desta conduta, cada semana os axentes de tráfico sancionan 18 condutores en Galicia.
"Faino calquera, o que diga que non, é porque non leva o móbil. Porque chámante, mándanche unha mensaxe...".
"Si que se usa moitísimo máis do que se debe. O móbil, as tablets, de todo se ve. Dende o camión vense moitas cousas".
"Van coches diante de min e están co móbil ou chateando... Eu como vou no autobús e queda moito máis alto, vexo que están co teléfono".
"Mesmo amigas, ás veces que vou con elas, utilízano. E dígolles: dáme o móbil a min que che miro eu e ti sigue conducindo".
É unha infracción grave que está sancionada con 200 euros e a retirada de tres ou seis puntos do carné, en función de se o levamos nas mans ou o manipulamos cando está colocado no soporte.
"Creo que son seis puntos e douscentos euros".
Sobre douscentos euros paréceme que é e non sei cantos puntos".
"O peor de todo serán os accidentes que hai por culpa diso. A multa tería que ser o de menos".
Concienciar os condutores dos riscos de desviar a atención da estrada é o obxectivo da campaña especial da DXT. Con controis toda a semana e en calquera tipo de vía.
Buscan reducir a sinistralidade. O ano pasado usar o teléfono foi a causa directa do 22% das mortes en accidentes nas estradas galegas.