A baixura volverá ao mar, pero o paro da frota provoca que falten especies nos mercados
O sector desconvoca as protestas tralo acordo co Goberno para suavizar os controis que esixe a UE
Tralo amarre da frota, nas prazas escasearon produtos como a robaliza, a xarda, a lura ou o choco
A baixura volverá ao mar, sempre e cando o permita o temporal. A frota desconvocou as protestas tralo principio de acordo do luns co Goberno central, que se compromete a suavizar algúns dos novos controis á pesca que esixe a Unión Europea. Os mariñeiros terán máis marxe para pesar as capturas a bordo dos barcos e suprímese a obriga de ter que avisar do regreso a porto con catro horas de antelación.
As protestas do sector escoitáronse en Madrid pero tamén se senten nas prazas de abastos. No día seguinte ao paro xeral da baixura, faltan algunhas especies habituais nesta época do ano, como a robaliza, a xarda, o polbo, a lura ou o choco. Pero os mostradores non están baleiros, nin moito menos. No mercado do Progreso de Vigo, por exemplo, entrou peixe de Portugal, como todos os días, e tamén hai mercadoría que se conserva dende a fin de semana.
"Aí está o peixe de baixura sempre pero hoxe só houbo peixe grande e a maioría do peixe salvaxe bo vén da costa de Portugal", explica Ollala Suárez, da peixaría Julio Quinteiro, mentres amosa a zona do seu posto onde hoxe non hai mercadoría.
"O que había de baixura, a maioría, era do que lles quedara do venres, do que capturaran e que non venderan o sábado", engade Penélope Rodríguez, a titular de Peixes e mariscos Penélope.
Algúns comerciantes xa avisan aos seus clientes habituais. Ana García ten un posto especializado en peixe de baixura no mesmo mercado do Progreso. A partir da pandemia, creou un grupo de WhatsApp no que cada mañá informa, cun vídeo, do produto que terán dispoñible ese día. Hoxe, faltaban algunhas especies, pero tiñan algo de baixura, como rodaballo e escarapote.
"E así, ás oito da mañá, cando te ergues, xa sabes o que hai", confirma unha clienta mentres ensina a última mensaxe que lle chegou ao móbil.
Tamén había produto, aínda que pouco, no mercado do Berbés, a uns metros das dársenas onde atraca a frota de baixura de Vigo. Alí, traballan sobre todo, para a hostalaría.
"De baixura temos centola e algo de cuncha, que supoño que lles quedaría do sábado", mostra Jesús Riobóo, de Pescados Victoria.
"De feito, hoxe entrou pouquiño. Temos choco da costa de Portugal e polbo tamén", comenta Milagros Carrera, da Peixaría Flipper.
A partir do mércores, os mostradores deberían volver encherse. Pero que os pescadores poidan traballar dependerá do tempo, que se anuncia moi duro no mar para os próximos días.