Publicador de contidos

Publicador de contidos

O temporal provoca máis de 200 incidencias e refachos de ata 150 km/h antes de que o aviso suba a vermello

O temporal provoca máis de 200 incidencias e refachos de ata 150 km/h antes de que o aviso suba a vermello

Alerta laranxa en todo o litoral galego: sobe a vermella esta noite na costa coruñesa

Activado o Plan Inungal en fase de preemerxencia para seguir o caudal dos ríos

Imaxe das ondas da Coruña (EFE/Moncho Fuentes)
G24.gal 21/01/2026 10:39 Última actualización 21/01/2026 20:27

 Galicia rexistrou este mércores 245 incidencias por mal tempo a á espera da fronte que obrigou a decretar a alerta vermella por temporal  partir das 21:00 horas na provincia da Coruña.

A maior parte dos avisos (112) están relacionados coa presenza de árbores e pólas ou con restos de accidentes (29) nas estradas.

En Touro, a caída dunha árbore sobre un coche provocou o accidente máis grave do día; aínda que non hai que lamentar danos persoais polo acontecido.

O resto das incidencias comunicadas correspóndense coa caída de cables de luz e teléfono (15), de carteis e pancartas (10), anegamentos (7) ou bolsas de auga (3) en zonas asfaltadas.

Os equipos de emerxencias tamén tiveron que intervir ata trinta veces ao longo da xornada para apuntalar muros e asegurar fachadas de edificios ante a meteoroloxía adversa.

A maior parte destas operacións concentráronse na provincia da Coruña, a máis afectada pola meteoroloxía adversa, con noventa incidencias; á que seguen Pontevedra, con sesenta e tres; Lugo, con sesenta e dúas, e Ourense, con trinta.

Ventos de 150km/h e máis de 70 litros por metro cadrado antes de que o aviso suba a vermello

O temporal que vive Galicia deixou ademais ventos máximos de ata 149,9 quilómetros por hora no Xistral, en Muras.

Así mesmo, de acordo cos datos das estacións con altitude menor de 900 metros, en Muralla, Lousame, acumuláronse máis de 72,8 l/m2 por mor das precipitacións.

Pola súa banda, segundo a información de Portos do Estado, rexistráronse ondas de máis de sete metros na mañá deste mércores na boia de cabo Silleiro, en Baiona.

O boletín meteorolóxico de MeteoGalicia certifica avisos de carácter amarelo, laranxa e vermello tanto para este mércores como para este xoves.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) advirte de condicións perigosas no mar en todo o litoral de Galicia durante o día de hoxe, con especial atención á costa da Coruña, onde estará activada un aviso vermello a partir das nove da noite, por fortes refachos de vento e ondas de ata sete metros de altura. No resto da costa galega mantense o nivel laranxa, tamén por condicións perigosas.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (INUNGAL), na fase de preemerxencia.

En cidades como a de Lugo, o Concello pechou este mércores todos os parques urbanos, como medida de precaución por ese fenómeno meteorolóxico adverso, que deixará refachos de vento de ata 70 quilómetros por hora. Operarios do Concello de Lugo, por orde da área de Transición Ecolóxica, precintaron os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, de modo que quedou prohibida a entrada aos mesmos. 

Debido ao aviso laranxa, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados segundo as previsións dos órganos meteorolóxicos, e que se poden consultar na web Deporte Gallego.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade