A Policía Nacional detivo tres persoas pola agresión homófoba en Pontevedra
Os arrestados, segundo confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, son o autor material da agresión e outras dúas persoas que, segundo os investigadores, colaboraron "en diverso grao"
A Policía Nacional detivo tres persoas involucradas na agresión homófoba que sufriu un mozo pontevedrés ás portas dun local de copas do centro histórico. Os arrestados, segundo confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, son o autor material da agresión e outras dúas persoas que, segundo os investigadores, colaboraron "en diverso grao". Con estas detencións, as autoridades consideran "resolto" este incidente. Todos eles pasarán a disposición xudicial este mesmo xoves.
"O primeiro que quero facer é desexar que todo o peso da lei caia sobre eles", sostivo Losada, para quen o odio é un "problema grave" da sociedade. Este odio cara ás persoas pola súa orientación sexual resulta "intolerable, rancio, zafio e condenable", sentenciou o subdelegado en declaracións á prensa.
Reiterou que a sociedade ten o deber de "rexeitar e castigar a quen se cre co dereito para insultar, a discriminar ou a agredir a persoas do colectivo LGTBI" e reprobar a aqueles que "alentan ou desculpan" esa violencia. Pontevedra, afirmou Abel Losada, é unha cidade "extraordinariamente segura", pero recoñeceu que "mesmo nas contornas máis tranquilas" suceden feitos "puntuais" que alteran a convivencia entre os cidadáns.
"Quero expresar a miña solidariedade e simpatía cara á persoa agredida e o desexo de que o procedemento xudicial que se abre permita que sentan reparados e resarcidos", concluíu Losada, que agradeceu á Policía que actuase "con prontitude e eficacia".