Seareiros do Celta pintan as unllas, en apoio a Borja Iglesias polos ataques homófobos de Sevilla
A iniciativa partiu das peñas celtistas coma un berro contra a intolerancia e a favor da liberdade
Moitos afeccionados fixeron a manicura na casa, outros confiaron no bo facer dos profesionais instalados no exterior do estadio
Unha nota de cor especial ilumina o estadio de Balaídos. Moitos afeccionados do Celta decidiron acudir coas unllas pintadas, en solidariedade con Borja Iglesias polos ataques homófobos sufridos no último partido ante o Sevilla.
Unha iniciativa que partiu das peñas celtistas en apoio ao xogador e coma un berro contra a homofobia e a intolerancia e a favor da liberdade, no fútbol en particular e na vida en xeral.
Algúns fixeron a manicura na casa, pero tamén profesionais do sector instalaron as súas ferramentas de traballo no exterior do estadio para quen queira sumarse a este acto solidario e reivindicativo.
Ademais das camisolas e bufandas, este domingo ao fútbol lévase o kit de manicura. A inciativa de pintar as unllas para solidarizarse con Borja Iglesias está sendo ben acollida en xeral pola afección celeste.
Todo xurdiu a raíz dos insultos homófobos que sufriu o xogador durante e tras o partido contra o Sevilla.
Ataque que foi denunciado pola propia Liga. As mensaxes de apoio foron inmediatas por parte do celtismo.
A mesma presidenta sumouse á petición das peñas de pintárense as unllas no partido ante o Raio Vallecano.
A pasada fin de semana, Borja Iglesias, máximo goleador do equipo de Claudio Giráldez, escoitou berros como “a ver se te morres, maricón de merda”, “lercha, vaite a túa casa” ou “píntate as unllas” nos arredores do Sánchez Pizjuán.